A nova unidade PET/TAC do CHUO ultima a súa posta en funcionamento
OurenseXa
As novas instalacións unificarán as probas e evitarán o traslado dos pacientes que precisen diagnóstico oncolóxico ou neurolóxico, de procesos inflamatorios e infecciosos
Nova unidade PET/TAC do CHUO
17 Feb 2024
A Unidade PET/TAC do Complexo Hospitalario de Ourense (CHOU) encara a recta final de cara a súa posta en marcha unha vez completada a fase de autorizacións e permisos. O próximo luns 19 de febreiro, realizarase a Inspección do Consello de Seguridade Nuclear (CSN), que comproborá todos os requisitos en materia de protección radiolóxica que son esixidos a esta instalación, para garantir a súa seguridade e a dos traballadores e pacientes. Este é o último requisito para a posta en marcha. En paralelo, a Unidade tamén está intensificando o proceso de formación do persoal no coñecemento do equipo, características técnicas e todas as posibilidades diagnósticas que ofrecerá para a Área Sanitaria de Ourense.
A Unidade PET/TAC permitirá integrar probas diagnósticas PET (Tomografía por Emisión de Positrones) e TAC (Tomografía Axial Computarizada), o que permitirá reducirá visitas hospitalarias, diminución dos niveis de radiación que recibe o paciente e dos tempos de espera. Asemade, evitará os desprazamentos dos pacientes a outras áreas sanitarias, nunha contorna (Ourense, Barco de Valdeorras e Verín) con demanda á alza destas probas, solicitadas para un total de 1.625 pacientes en 2023.
Os novos equipos realizarán estudos diagnósticos oncolóxicos, tanto no diagnóstico inicial como no proceso de seguimento ou monitorización da resposta ás terapias aplicadas, presentando a vantaxe de ser híbrido, dotados dunha imaxe funcional (PET) e estrutural (TAC), o que posibilitará un diagnóstico precoz dos procesos tumorais, na maioría carcinomas de pulmón, cancros hematolóxicos e de próstata.
O equipo PET/TAC tamén poderá realizar un diagnóstico de procesos oncolóxicos pediátricos, e de todo tipo de procesos inflamatorios/infecciosos, como en febres de orixe descoñecida, complicacións con próteses ou doenzas inmunolóxicas ou avanzas en probas diagnósticas neurolóxicas no estudo das demencias.
Diagnóstico por imaxe de alta precisión
A integración PET/TAC supón unha auténtica revolución na práctica clínica, mellorando a calidade asistencial e detallando o diagnóstico ao máximo para deseñar terapias máis axeitadas e eficaces, no eido da oncoloxía, neuroloxía e procesos inflamatorios.
A tomografía por emisión de positróns ou PET emprega materiais radioactivos en cantidades moi pequenas chamadas radiotrazadores ou radiofármacos, e unha cámara e un ordenador de última xeración analizan os resultados e ofrecen un diagnóstico de máxima precisión.
O PET é capaz de identificar a nivel celular os cambios no corpo, polo que pode detectar nun estado temperá a aparición dunha doenza, moito antes do que poida detectar calquera outro exame por imaxe.
Ambas probas complementarias realízanse de forma simultánea e significan un extraordinario avance no diagnóstico e tratamento, entre outros nun proceso tumoral.