A Sala Alterarte acolle a mostra 'Retratos da paisaxe', de Enrique Ortiz

A Sala Alterarte, o espazo expositivo do campus de Ourense, acolle unha nova mostra artística. Trátase de Retratos da paisaxe, unha exposición do creador Enrique Ortiz, comisariada por Xosé Poldras. Ata o 17 de xaneiro de 2025, quen estea interesado poderá achegarse ao pavillón I do campus universitario para gozar dunha colección de 14 gravados deste pintor e gravador oriúndo de Ourense. Esta exposición enmárcase no ciclo Reciprocidade da Sala Alterarte, unha iniciativa que comezou o pasado curso académico baixo a coordinación de Javier Blanco Sierra, profesor da Universidade de Vigo.
Enrique Ortiz, formado e residente en Madrid, conta cunha destacada formación e unha extensa traxectoria artística. Comezou os seus estudos na Escola de San Fernando e continuou especializándose en técnicas de gravado, con énfase na litografía, na Escola de Artes Gráficas de París. Posteriormente, ampliou os seus coñecementos na Bath Academy de Gran Bretaña, na Escola de Gravado de Ámsterdam e finalmente en Oslo, onde afondou na litografía.
Ao longo da súa carreira, compartiu taller en Madrid con artistas como Patiño, Saura, Canogar e Alcorlo, nun espazo situado na rúa Libertad. Xunto a Raimundo Patiño, foi cofundador de Estampa Popular Galega, unha iniciativa que tivo unha vida breve debido á censura da época. Tamén con Patiño participou no grupo literario Brais Pinto, ao que pertencían figuras como Bernardino Graña e Uxío Novoneira, reflexo da paixón de Enrique Ortiz non só polas artes visuais, senón tamén pola literatura e a música.