A UVigo e 8 concellos ourensáns alíanse para implantar os ODS no rural

O campus de Ourense foi escenario esta semana do inicio dun novo proxecto centrado na Axenda 2030: a localización dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) en oito concellos rurais da provincia. A proposta, financiada polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, está liderada polo Concello de San Xoán de Río e coa implicación da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo, e agrupa un total de oito concellos ourensáns: Esgos, Taboadela, Larouco, Oímbra, Porqueira, A Teixeira, Vilariño de Conso e o xa mencionado San Xoán de Río.
Durante a presentación, salientouse o valor estratéxico desta iniciativa para impulsar o desenvolvemento sostible no medio rural. O proxecto, dirixido a municipios con menos de 5.000 habitantes, procura integrar os ODS nas políticas locais como ferramenta de transformación social, económica e ambiental. A calidade da proposta quedou reflectida no feito de ser a cuarta mellor puntuada entre 576 presentadas, sendo unha das dúas únicas seleccionadas en Galicia e a única da provincia de Ourense.
No acto de apertura, o vicerreitor do campus, Francisco Javier Rodríguez, destacou a disposición da Universidade de Vigo a colaborar con entidades locais, reafirmando o seu compromiso coa dinamización territorial e a cooperación institucional. Subliñou que proxectos como este demostran que o traballo conxunto pode multiplicar os resultados. Pola súa parte, Isabel Mociño, decana da Facultade, expresou a súa satisfacción coa posta en marcha dunha proposta que está en liña co compromiso da institución coa sustentabilidade e o seu entorno.
O alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez, puxo en valor a relevancia de que o rural participe activamente na consecución dos ODS, lembrando que este tipo de territorios abranguen o 80% da superficie europea. Afirmou que o obxectivo é facer de Ourense un exemplo na aplicación da Axenda 2030 e demostrar que desde o rural tamén se pode innovar e liderar.
Maribel Doval, docente e investigadora do grupo HC1 da UVigo, explicou que a proposta nace coa intención de superar o enfoque meramente diagnóstico, apostando por medidas concretas de acción e visibilización do impacto dos ODS no rural.
A técnica Eva Castro detallou que o proxecto, que se desenvolverá entre maio e outubro, aborda tres retos clave: o despoboamento, o envellecemento e a masculinización do medio rural. Inicialmente, realizarase unha análise da situación actual en cada concello para logo definir accións estratéxicas en relación cos ODS. Posteriormente, estas accións serán implementadas, seguidas e avaliadas, culminando co deseño dun plan estratéxico local e unha acción transformadora por municipio, vinculada á actualización do seu Plan de Igualdade. Ademais, crearase un mapeo de iniciativas ODS e unha páxina web para difundir os resultados.
A UVigo é responsable de desenvolver a metodoloxía colaborativa que permitirá adaptar os ODS á realidade local de cada concello. Esta metodoloxía combina experiencias dos axentes locais coas mellores prácticas internacionais en desenvolvemento sostible, buscando aliñar as políticas municipais cos ODS e elaborar o primeiro mapeo de accións neste ámbito con capacidade de ser replicado noutros territorios. O obxectivo final é avaliar o avance real cara ás metas da Axenda 2030 no rural ourensán.