A xerencia da área sanitaria de Ourense confirma o adianto do traslado dos pacientes do materno infantil

OurenseXa
A zona de hospitalización infantil e obstétrica e os paritorios reubicaranse para facilitar a revisión completa dos falsos teitos
derrube-chuo-ourenseando
Derrumbe di teito na zona de pediatría do CHUO
2 Apr 2025

A xerencia da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras está a ultimar un plan para adiantar o traslado provisional da zona de hospitalización infantil e obstétrica e os paritorios do Materno Infantil para facilitar a revisión completa dos falsos teitos.

O cambio de situación destes servizos requirirán dunha reorganización no conxunto do complexo hospitalario, que suporá movementos previos e diversas actuacións para a adecuación dos novos espazos.

Os traballos suporán unha intervención na planta cero de consultas do Materno, o traslado da Unidade de Coidados Paliativos ao edificio do Piñor e a reubicación da área de Dirección, situada na quinta planta do Edificio Cirúrxico, en módulos prefabricados. No espazo ocupado actualmente pola Dirección emprazaranse os dormitorios de persoal médico de garda. Os andares esquerdo do Cristal acollerán a hospitalización infantil e obstétrica.

Así mesmo, parte dos quirófanos de cirurxía maior ambulatoria da primeira planta do edificio cirúrxico acollerán os paritorios. Un dos novos módulos de UCI converterase na UCI pedíatrica e neonatal.

Para manter e garantir a actividade asistencial de cirurxía maior ambulatoria durante estes traslados provisionais, ata dispoñer da ampliación prevista co novo edificio de hospitalización, instalaranse dúas unidades móbiles das que dispón o Servizo Galego de Saúde equipadas como quirófano. Uníndose entre si, ambas as unidades conforman un espazo de 100 metros cadrados, para funcionar como unha unidade de cirurxía maior ambulatoria. Para iso, contan cun completo quirófano equipado con toda a instrumentación necesaria, con circuítos de aire, gases e control de temperatura adecuados. Tamén dispoñen dun espazo de acondicionamento pre operatorio e con área de recuperación post-cirúrxica, polo que servirán para reforzar esta actividade ambulatoria.

Os traslados necesarios suporán un importante esforzo de xestión e planificación e tamén do compromiso e colaboración dos profesionais das diferentes áreas e servizos onde se actuará, para, por riba de todo, garantir a asistencia e a seguridade, reducindo na medida do posible as molestias que todo cambio destas características levan parello para traballadores e usuarios.

A programación prevista foi comunicada onte por parte da Dirección aos representantes dos traballadores e responsables dos distintos servizos, nunha comunicación proactiva que permanecerá aberta, co compromiso de manter unha comunicación fluída e periódica.

0.1692578792572