A Xunta declara a erradicación da flavescencia dourada da viña de utilidade pública

GaliciaXa | OurenseXa
A maior parte das zonas afectadas por esta praga están nas provincias de Ourense e Pontevedra
Vide afectada por Flavescencia Dourada
30 Apr 2025

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto polo cal se cualifica de utilidade pública a erradicación do organismo de corentena que provoca a flavescencia dourada da viña. Esta norma establece medidas de prevención e loita contra esta doenza, así como as obrigas das persoas operadoras profesionais, titulares de parcelas de viñedo e profesionais para o seu control.

A maior parte das zonas afectadas por esta praga están nas provincias de Ourense e Pontevedra. Segundo os últmos datos, as parcelas infestadas atópanse nos concellos da Cañiza, Arbo, As Neves, Crecente, O Rosal, Oia e Tomiño, na provincia de Pontevedra; e nos concellos da Arnoia, Cortegada, Gomesende, Padrenda, Pontedeva, Quintela de Leirado e Ribadavia, en Ourense. Ademais, a zona tampón tamén se estende a varias parroquias dos concellos de Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e Tui, na provincia de Pontevedra, e varias parroquias de Castrelo de Miño, Melón, Cartelle e Ramirás, en Ourense.

Entre estas obrigas que contempla esta declaración están as de vixiar a presenza da flavescencia dourada nas plantacións e viveiros e comunicar aos servizos competentes a detección de viñedos ou outras plantas hóspedes afectadas ou con síntomas sospeitosos desta doenza. Ademais, determínanse medidas obrigatorias para titulares de parcelas vitícolas na zona infestada, como é a de eliminar e destruír, o antes posible, todas as plantas confirmadas como positivas e as sintomáticas.

Inclúese tamén a aplicación de tratamentos fitosanitarios con insecticidas autorizados en todas as plantas da parcela infestada. Estas obrigas esténdense tamén aos operadores profesionais, neste caso nas súas parcelas ou instalacións. A maiores, tamén se especifican medidas semellantes para as zonas tampón e de risco.

No decreto explícase que as medidas previstas serán adoptadas polas persoas interesadas e, se non se levasen a cabo, a administración poderá proceder á súa execución de forma subsidiaria.

Tamén se indica que aquelas persoas propietarias que realicen os traballos de erradicación pola súa conta, sempre que cumpran coas medidas sanitarias previstas, poderán ser beneficiarias dunha indemnización e que se establecerán as condicións e baremos correspondentes mediante unha orde específica.

⚙ Configurar cookies
0.14569401741028