A Xunta reforza a formación do persoal en prevención de incendios, un servizo referente en España

O Goberno galego prevé destinar ao longo do próximo bienio 2025-2026 un total próximo aos 1,8 millóns de euros para actividades de formación e preparación práctica do cadro de persoal que integra os servizos de prevención e extinción de incendios forestais.
Este investimento representa un incremento de arredor do 19 % con respecto ao período 2023-2024 e insírese dentro das medidas contempladas no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) de 2025, cuxo obxectivo principal é minimizar, na medida do posible e conforme aos medios dispoñibles, os danos ambientais, económicos e sociais derivados dos lumes.
Esta aposta pola capacitación continua reforza o labor xa desenvolvido pola Consellería do Medio Rural durante o ano 2024, exercicio no que se organizaron 473 cursos formativos con participación de 11.447 persoas e máis de 108.000 horas de docencia acumuladas. No intervalo comprendido entre 2019 e 2024, a contía total asignada á formación ascendeu a preto de 2,6 millóns de euros, o que fixo posible impartir 159 cursos e superar as 468.810 horas lectivas.
De cara aos próximos anos, o plan de capacitación do persoal pertencente ao Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF), un servizo referente en España, estrutúrase en seis liñas de actuación: un repertorio de cursos especializados; un itinerario profesional deseñado para a evolución técnica do persoal; un programa específico de adestramento para optimizar a organización e o rendemento laboral; unha oferta formativa destinada a medios das entidades locais; accións divulgativas enfocadas á cidadanía e unha campaña de sensibilización para promover unha maior conciencia pública sobre os riscos do lume.
NOVIDADES DO PLADIGA
Entre as novidades destacadas desta actualización do Pladiga figura a incorporación da nova figura do xefe ou xefa de loxística, que pasará a desempeñar funcións clave dentro dos operativos de extinción máis complexos. Esta responsabilidade será asumida por persoal técnico ou axentes e terá como cometidos principais garantir a mobilidade dos recursos no terreo, identificar con precisión as zonas de intervención conforme ás instrucións, velar polo correcto funcionamento das comunicacións durante o operativo, así como organizar a subministración de víveres e materiais en coordinación co Punto de Recepción de Medios (PRM) e o Centro de Coordinación de Distrito (CCD).
Tamén terá competencia na planificación do aloxamento para o persoal do SPIF que así o precise e na procura de recursos, material ou servizos necesarios para garantir que os equipos operativos poidan desenvolver as súas tarefas en condicións axeitadas.
No que atinxe aos efectivos, o sistema de loita contra os incendios en Galicia contará, un ano máis, cun cadro de máis de 7.000 persoas, sumando tanto o persoal propio da Xunta coma os profesionais adscritos a outras administracións públicas. Esta cifra mantense estable con respecto a campañas anteriores. En paralelo, refórzase a dispoñibilidade do persoal laboral fixo-descontinuo, que pasa de traballar sete meses ao ano a facelo durante oito en 2025 e nove no 2026.

No plano material, a comunidade galega volverá dispoñer dunha trintena de aeronaves para combater o lume, entre medios propios do executivo autonómico e os facilitados polo Estado. Por terra, estarán operativas preto de 380 motobombas e vehículos pesados, tanto da Xunta como de titularidade municipal.
Ademais, proseguirase co proceso de renovación e modernización do parque móbil, lembrando que desde o ano 2013 se renovaron 137 motobombas do SPIF. Neste 2025 prevese a incorporación de tres novas unidades.
No eido da prevención, aumentarase a superficie xestionada mediante a elaboración de plans específicos de actuación nos seis parques naturais da comunidade, compatibilizando a protección do medio natural coa prevención de lumes forestais.
Tamén se avanzará no desenvolvemento dunha ferramenta técnica que permita avaliar o risco de incendios e definir áreas prioritarias para aplicar medidas preventivas eficaces. Este sistema aplicarase, nesta primeira fase, en zonas das provincias de Ourense e Pontevedra a través do proxecto USE4FOREST, financiado polo programa europeo Interreg-Sudoe.
En relación coas tarefas preventivas, continuarase co acondicionamento de áreas cortalumes e faixas auxiliares nas pistas, co mantemento e mellora da rede de camiños forestais, coa realización de tratamentos silvícolas e coas queimas controladas. Así mesmo, revisaranse e conservaranse máis de 5.000 puntos de auga localizados por todo o territorio galego.
En materia de sensibilización, o Goberno autonómico intensificará as accións dirixidas ao público escolar coa edición dun novo material didáctico protagonizado polas personaxes 'Os Bolechas', centrado na prevención dos incendios forestais. Editaranse 3.500 exemplares do libro, 10.000 cadernos de actividades e outros 10.000 materiais para o profesorado.
No tocante á detección e investigación de lumes e á aplicación de medidas disuasorias, manterase a vixilancia sobre as parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI). Para o ano 2025, incorpóranse dúas novas parroquias a esta clasificación: Requeixo, en Chandrexa de Queixa (Ourense), e Pontellas, no Porriño (Pontevedra). Ao mesmo tempo, abandonan o listado dezaseis parroquias, polo que o número total de PAAI pasa de 40 no ano 2024 a 26 neste novo exercicio, das cales 24 repiten presenza con respecto ao ano anterior.
No apartado de infraestruturas, a Xunta contempla un investimento de 13,7 millóns de euros entre 2025 e 2026 para construír ou renovar sete instalacións estratéxicas espalladas por Galicia.
Así, prevese actuar nos concellos pontevedreses de Lalín, Valga (con dúas intervencións), Portas e Tui, así como nos municipios ourensáns de Sandiás e Bande. En Lalín construiráse unha nova base de medios aéreos, situada no Polígono industrial Lalín 2000 e cuxas obras arrancarán neste 2025.
En Sandiás levarase a cabo a reforma integral da base de Antela, que pasará a estar capacitada para operar con ata seis avións de carga terrestre. Esta actuación contará con financiamento europeo a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa Interreg. A base aérea de Valga, situada na parroquia de Setecoros, terá un deseño semellante ao de Antela.
No mesmo Concello de Valga proxéctase tamén unha nova Base de Unidades Operativas (BUO), que será idéntica á prevista no municipio veciño de Portas. Ambas edificacións serán de dous andares e contarán cunha superficie total de máis de 414 metros cadrados. As obras financiaranse co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e agárdase que estean rematadas ao longo de 2026.
No caso da BUO de Bande, esta infraestrutura tamén acollerá as oficinas do distrito forestal XV-A Limia e terá unha superficie construída de máis de 642 m², repartida en dous niveis. A súa execución tamén contará con financiamento Feder, en condicións semellantes á BUO de Tui, onde se rehabilitará e porá en valor o antigo Viveiro de Areas para dar lugar á nova base.