A Xunta destina 9,6 millóns de euros para subvencionar ao 100% a cota reducida dos novos autónomos
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta tarde en Ourense nunha xornada informativa das axudas da Xunta dirixidas a persoas traballadoras autónomas e pemes organizada pola Asociación de Autónom@s e Pequenas Empresas de Galicia (APE). Alí, fixo especial fincapé na cota cero dispoñible para novas altas de persoas traballadoras autónomas, cuxo prazo de solicitude está aberto ata o 30 de setembro e que acumula máis de 5.000 solicitudes.
Segundo destacou Pablo Fernández, trátase dunha partida de 9,6 millóns de euros para subvencionar ao 100% a cota reducida dos novos autónomos durante os doce primeiros meses de actividade. Forma parte dos 28,9 millóns convocados para, ademais, financiar os primeiros gastos da actividade dos traballadores por conta propia.
O secretario xeral referiuse a máis axudas. Por exemplo, recordou que ata o 28 de xuño pódense solicitar as achegas que cun orzamento de 6,5 millóns de euros beneficiarán as persoas traballadoras autónomas, mutualistas, pequenas e medianas empresas, sociedades cooperativas e laborais, así como as empresas de inserción e os centros especiais de emprego, para impulsar o emprendemento mediante o financiamento dos custos de adquisición de equipamento informático ou para eficiencia enerxética.
Mirando ás persoas traballadoras autónomas, Pablo Fernández referiuse a dous programas de axudas que suman 9,5 millóns: para que traballadores autónomos cunha antigüidade superior aos 42 meses poidan ofrecer novos servizos e realizar investimentos que impulsen a súa capacidade competitiva e para os profesionais por conta propia que desexen volver emprender tras o cesamento de actividade.
Así mesmo, entre outros, o Goberno galego habilitou un investimento de 1 millón de euros para que os autónomos con fillos ou persoas maiores ou dependentes ao seu cargo poidan contratar a persoas que os substitúan no exercicio da súa actividade ou poidan recorrer a servizos de coidado.
Por último, o secretario xeral referiuse á Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que ten xa 13 centros activos en toda Galicia, á espera de que se inauguren dous máis. No marco deses Polos, segundo dixo, estase a impulsar un Plan de remuda para garantir a continuidade do tecido produtivo galego e véñense de publicar microguías de emprendemento para orientar na apertura de negocios. Tamén se vén de poñer en marcha un Mapa de emprendemento para facilitar o desenvolvemento de novas iniciativas empresariais, reunindo todos os axentes territoriais e servizos ao dispor dos emprendedores da comunidade.
Na súa intervención, non quixo esquecerse da economía social e do pulo a esta fórmula que supón a Rede Eusumo, que fomenta o espírito emprendedor prestando apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na economía social.
Medidas para pemes
Pola súa banda, representantes do Igape afondaron nas liñas que o seu departamento ten a disposición do tecido empresarial galego, especialmente pemes e autónomos, entre as que destacaron distintos programas activados xa desde comenzos de ano en internacionalización e financiamento.
Por unha banda lembrouse que, un ano máis, a Xunta ten activada a liña de préstamos destinada a autónomos e pemes para acceder a financiamento nas condicións máis vantaxosas, a través de operacións que financian investimento e circulante, ou refinancian préstamos anteriores que materializaron en condicións menos vantaxosas.
A este programa súmaselle a convocatoria da liña de préstamos directos para posibilitar o financiamento e os investimentos do tecido empresarial, e que conta cun dúas grandes novidades: dun lado, a concesión de préstamos para financiar a implantación de empresas galegas no exterior e, doutro, os préstamos para financiar circulante para as empresas de transformación e comercialización de produtos da pesca e acuicultura, e para a industria manufactureira.
Por último, informouse de que a Xunta de Galicia vén de abrir unha nova liña para a posta en marcha de proxectos para o desenvolvemento e mellora de factores ASG -Ambientais, Sociais e de Gobernanza- nas pemes. As axudas están dirixidas a apoiar proxectos de implantación de solucións avanzadas que acaden reducións e aforros de recursos e diminucións na xeración de refugallos, e tamén actuacións dirixidas a desenvolver a responsabilidade social empresarial e avanzar nos mellores modelos de gobernanza nas organizacións