A Xunta fai un chamamento ao diálogo entre pais e profesores do IES As Lagoas

OurenseXa
Aseguran que dende a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa estase a traballar activamente con todas as partes implicadas para buscar puntos de encontro e resolver as discrepancias existentes
IES As Lagoas, Ourense
IES As Lagoas
11 Mar 2025

O conflito entre pais e profesores do IES As Lagoas de Ourense chega á Xunta de Galicia. O malestar comezou a raíz de desacordos coas cualificacións e o método de ensino utilizado por unha profesora de matemáticas, o que levou a algunhas familias a protestar publicamente. As críticas materializáronse nunha serie de accións, como a distribución de panfletos que incluían un mensaxe de protesta contra a profesora e o seu desempeño na aula.

Diante desta situación, a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, a través da súa directora, Judith Fernández, fixo un chamamento á calma e ao diálogo. Nas súas declaracións, Fernández subliñou a importancia da boa convivencia que sempre caracterizou o centro educativo, destacando que o IES As Lagoas é un referente na cidade polo seu ambiente de traballo e polo labor do seu equipo docente. A directora lembrou que a Xunta de Galicia está a traballar activamente con todas as partes implicadas para buscar puntos de encontro e resolver as discrepancias existentes, en beneficio da comunidade educativa e, especialmente, do alumnado.

"Desde a Consellería de Educación, a través da Dirección Territorial, nos atopamos traballando con todas as partes, buscando puntos de encontro e intentando resolver estas discrepancias que existen entre determinado grupo de familias no centro educativo. Hoxe, As Lagoas é un centro referente nesta cidade, é un centro que se caracterizou polo seu bo clima de convivencia, e, desde logo, polo traballo do seu equipo docente, e así debe seguir sendo", comentou Judith Fernández.

A situación derivou nun forte apoio ao profesorado desde varios sectores, incluída a Xunta de Persoal Docente, que denunciou o que consideran un caso de acoso cara á docente. Pola súa parte, a profesora tomou accións legais contra algúns dos pais que iniciaron a protesta, acusándoos de difundir información falsa e prexudicial.

O conflito puxo de relevo a necesidade de encontrar unha solución baseada no diálogo e no respecto mutuo, tal como remarcou Fernández: "Debemos chegar a unha solución, debemos chegar a un entendemento que estea baseado no diálogo, no respecto, polo ben da comunidade educativa, en concreto, polo ben do alumnado”.

⚙ Configurar cookies
0.50394701957703