A Xunta inaugura en Ourense os encontros 'Ultreia'

OurenseXa
As xornadas teñen como obxectivo impulsar o emprendemento e a xeración de riqueza na totalidade do territorio galego
Inauguración de 'Ultreia', Ourense
Inauguración de 'Ultreia', Ourense
18 sep 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, acompañado do secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, inaugurou hoxe o primeiro dos encontros do programa Ultreia Galicia Rexión Emprendedora, retos e solucións para un territorio intelixente, financiado pola Unión Europea, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Da man -neste caso- da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), destacou que estas xornadas contarán coa colaboración das distintas confederacións empresariais para celebrar un encontro por provincia e un último a nivel galego co obxecto de que proxectos innovadores consigan financiamento.

Segundo destacou o conselleiro, que tamén estivo acompañado pola presidenta da CEO, Marisol Nóvoa, e a vicepresidenta primeira da Deputación de Ourense, Marta Nóvoa, Ultreia nace co obxectivo de incentivar ás persoas e entidades emprendedoras a acadar o propósito de impulsar o seu camiño, xerando sinerxías e identificando retos con solucións conxuntas. Contará coa participación de 240 axentes do ecosistema emprendedor, máis de 160 startups, 40 empresas tractoras con impacto no desenvolvemento socioeconómico de Galicia e con 16 casos de éxito.

Hoxe en Ourense, o 24 de setembro na Coruña e os días 25 e 26 en Pontevedra en Lugo respectivamente, cada xornada -dixo- dividirase en dous bloques. Un deles é o campus startups no que se busca identificar e mapear as empresas de recente creación e outras iniciativas emprendedoras innovadoras e dar soporte a proxectos para a busca de financiamento. O segundo bloque é o de retos e solucións para un territorio intelixente e ten como obxectivo identificar os sectores estratéxicos da provincia, os seus retos e as súas empresas tractoras, ademais de mapear os axentes do ecosistema da provincia.

José González fixo fincapé en que a convocatoria está aberta a todos os emprendementos innovadores con visión de futuro que procuren proxección, mentorización e financiamento. No caso concreto de hoxe, hai conferencias, presentación de proxectos e de casos de éxito nos eidos dixital e industrial, así como no rural e no turismo, sector vitivinícola e gastronómico. Falarase tamén de innovación e da posibilidade de diversificar investindo en startups, abordarase a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego e o Plan Remuda habilitado no seu seo para evitar que pechen negocios rendibles e vertebradores do territorio e a Estratexia Retorna para impulsar -entre outros- o emprendemento protagonizado polos galegos do exterior que volven para establecerse na Comunidade.

Ao final, terá lugar a deliberación do xurado e a selección de finalistas. Os proxectos seleccionados en cada un dos encontros provinciais participarán logo no Foro de investimento Ultreia Galicia, un acto que terá lugar entre outubro e novembro co apoio da Confederación de Empresarios de Galicia.

Compromiso co emprendemento

O titular de Emprego sinalou que co programa que arranca hoxe se mostra que seguimos avanzando nas políticas a prol do emprendemento e da xeración de riqueza e emprego na totalidade da Comunidade, unhas políticas que levaron a Galicia a obter por parte da Unión Europea o recoñecemento de Rexión Emprendedora Europea 2025. Todo co obxectivo primordial de dinamizar e de vertebrar o conxunto do territorio, ao tempo que se fixa poboación especialmente no noso rural.

Para impulsar este eido cabe lembrar que se está a deseñar unha Estratexia galega de emprendemento, que permitirá avanzar na coordinación de todo o ecosistema emprendedor. No entanto, hai varias iniciativas en marcha como un proxecto piloto de coliving para atraer nómades dixitais ao rural, convenios para impulsar o comercio electrónico ou a comunicación cos clústeres respectivos, o Mapa de emprendemento cunhas 190 entidades incorporadas e guías de utilidade para poñer en marcha e xestionar negocios, incorporando a prioritaria remuda.

0.1656379699707