A Xunta levantará 12 vivendas de promoción pública en San Cibrao das Viñas

O investimento estimado para esta actuación é de 2,3 millóns de euros
xunta-viveda-san-cibrao
13 Sep 2025

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, e a alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Novoa Iglesias, formalizaron este venres o convenio polo que o Concello cede de maneira gratuíta unha parcela municipal para levantar un edificio de promoción pública con 12 vivendas.

O terreo, situado na Urbanización Gonoba, na rúa do Falcón, dispón dunha superficie próxima aos 470 metros cadrados.

Coincidindo coa sinatura do acordo, a titular de Vivenda anunciou que xa se publicou no perfil do contratante da Xunta a licitación da redacción do proxecto e a dirección de obra, cun orzamento de 95.485 euros. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 24 de outubro.

O investimento global previsto ascende a 2,3 millóns de euros e a execución levarase a cabo a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal).
Allegue puxo en valor a colaboración institucional para dispoñer de máis solo destinado á vivenda protexida, lembrando que a Xunta xa pechou acordos semellantes cos concellos de Narón, Carballo, Lugo, Pontevedra, A Coruña, Vilagarcía, Ames, Lalín e A Estrada, entre outros.

Durante o acto, a conselleira destacou que o Goberno galego “ten un firme compromiso con San Cibrao das Viñas, pulmón industrial de Ourense e unha das zonas máis importantes de Galicia neste sentido, e Concello onde traballan, só nos polígonos, máis de 8.000 persoas”.

Engadiu tamén que a Administración autonómica está a intensificar as medidas para mellorar o acceso á vivenda, con máis de 2.800 fogares protexidos en diferentes fases de tramitación.

⚙ Configurar cookies
0.18093705177307