A xunta local de seguridade de Ourense aborda o dispositivo de seguirdade de cara ás festas do verán

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, presidiu esta mañá a xunta local de seguridade de Ourense que abordou a diagnose das estatísticas delituosas e ultimou o dispositivo de seguridade para as festas do Corpus, o Rally de Ourense e outras celebracións previstas. Tras o encontro, animou á cidadanía a desfrutar das festividades “con prudencia, seguridade, e sempre cumprindo as normas”.
Á reunión asistiron tamén o secretario xeral da Subdelegación do Goberno, Manuel Arias; o concelleiro de Seguridade Cidadá de Ourense, José Ignacio González; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; a directora territorial de Presidencia, Xustiza e Deportes, Beatriz Fernández; o integrante da Federación AA. VV. Limiar, Alberto Rivero; o presidente da Agrupación de Asociacións Veciñais Miño, Xosé Ramón Piñeiro; o presidente de Centro Comercial Ourense Aberto, Luis Rivera; a xerente de Centro Comercia Ourense Aberto, Lorena Tato, e o presidente da Asociación de Propietarios de Fincas Urbanas, Pedro Seara, así como axentes da Policía Nacional, Autonómica e Local.
Eladio Santos apelou á responsabilidade dos veciños, veciñas e visitantes para que as festas, transcorran “de forma segura e con total normalidade”. Para iso, a Policía Nacional e Local concretaron dispositivos especiais nos que se aumentarán os efectivos de vixilancia.
Respecto ao repaso das estatísticas de criminalidade, a Policía Nacional explicou que no primeiro trimestre do ano houbo un aumento de delitos, pero a maior incidencia atópase en furtos e roubos no interior de vehículos. Ademais, deuse conta de que non hai unha delincuencia grave no actual trimestre na cidade e que, máis alá de porcentaxes trimestrais, Ourense segue a ser unha cidade segura. O subdelegado resaltou que son “datos moi positivos respecto a outras cidades españolas con similar número de habitantes” e explicou que ante os avisos cidadás, a Policía Nacional e a Policía Local realizan operativos especiais de vixilancia en barrios nos que hai unha maior alarma. Froito destes dispositivos, aumentouse o número de detidos nestas zonas. As asociacións de veciños agradeceron o reforzo policial notable nas rúas.
Respecto á violencia machista, hai 163 casos activos de violencia de xénero en Ourense, 36 menos que hai un ano. Neste sentido, Eladio Santos valorou a colaboración entre as Policía Nacional e a Policía Local no marco do Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (VIOGEN), no que o Concello de Ourense se integrou este ano. Tamén, insistiu na necesidade de aplicar a tolerancia cero contra a violencia machista, un problema no que se ten que involucrar a sociedade e as Administracións.
Tamén abordaron a marcha do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas, que levou 244 actividades á cidade de Ourense no ano 2024 sobre acoso, adiccións e violencia sobre a muller, ás que asistiron 13.584 persoas. Neste punto, o subdelegado marcou como reto lograr unha maior implicación das familias nestas conferencias, xa que é necesaria tamén a presencia de pais, nais e titores para que coñezan os riscos actuais.