A Xunta remata en Ourense os obradoiros informativos sobre o programa Nexos

Ourense acolleu este xoves a última das xornadas informativas sobre o novo programa Nexos, unha iniciativa da Xunta de Galicia dotada con 28 millóns de euros, a maior contía destinada ata agora a apoiar a I+D+i colaborativa entre empresas, contando co respaldo de centros de coñecemento en ámbitos estratéxicos da Comunidade. O acto pechouse na Confederación Empresarial de Ourense coa intervención de Carmen Cotelo, directora da Axencia Galega de Innovación.
As xornadas celebráronse nas catro provincias co obxectivo de resolver dúbidas e explicar todos os detalles desta convocatoria a potenciais beneficiarios. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP buscou así que as empresas coñezan a fondo esta nova liña de apoio, cofinanciada con fondos europeos no marco do programa Galicia FEDER 21-27. Segundo a representante da Consellería, a intención dos obradoiros era ofrecer unha visión práctica de Nexos e facilitar o acceso á axuda.
Durante a cita, unha vintena de participantes recibiu asesoramento para presentar as súas solicitudes, cuxo prazo permanecerá aberto ata o 22 de setembro. Poderán optar a estas axudas agrupacións de entre tres e seis empresas, principalmente pemes, que desenvolvan proxectos de I+D+i en colaboración. O programa abarcará catro anualidades ata 2028 e pretende fomentar a cooperación entre pemes e outros axentes do ecosistema de investigación e innovación. Segundo Cotelo, a convocatoria aspira a apoiar 50 proxectos e alcanzar uns 200 beneficiarios, mobilizando un total de 47 millóns de euros.
Entre as novidades do programa, destacan a selección de ámbitos estratéxicos e a incorporación de custos simplificados na xustificación das axudas. Os proxectos subvencionables poden incluír investigación industrial, desenvolvemento experimental ou innovación organizativa e en procesos, con prioridade para sectores clave para Galicia como agroalimentación, benestar e saúde, economía circular e enerxía, e fabricación avanzada.
A Xunta apunta así a fortalecer a competitividade do tecido produtivo galego mediante a I+D+i, promovendo proxectos innovadores que tamén xeren un impacto positivo na sociedade.