Aberto o prazo para os artesáns que queiran participar na Romaría Etnográfica Raigame de 2026

A Romaría Etnográfica Raigame, que se celebra cada ano en Vilanova dos Infantes co obxectivo de promocionar a cultura tradicional galega a través da música, o folclore e os oficios e artesanías tradicionais, abriu o prazo de inscrición para participar na edición de 2026.
O período para presentar solicitudes estará aberto ata o 2 de marzo, ambos incluídos, e as inscricións deberán formalizarse no rexistro do Concello de Celanova. Entre o 16 e o 23 de marzo, a organización comunicará ás persoas solicitantes a aceptación ou non da súa participación, así como o espazo asignado. Posteriormente, do 23 ao 31 de marzo, as persoas seleccionadas deberán confirmar a súa asistencia.
A organización distribuirá os espazos en función do tipo de oficio, artesanía ou actividade, a súa relación coa cultura tradicional galega e o interese para a programación do evento. Ademais, resérvase a posibilidade de convidar directamente a artesáns ou actividades que considere de especial relevancia.
No interior do burgo medieval situaranse os oficios tradicionais que realicen demostracións prácticas ao longo da xornada, así como os postos de produtos gastronómicos e bebidas tradicionais ubicados en locais cedidos ao Concello. No exterior do recinto histórico instalaranse os artesáns dedicados á exposición e venda de produtos como bixutería, coiro, vidro, madeira ou téxtiles. Para iso, a organización habilitará un total de 20 postos de madeira de 3 metros por 1,5 metros na estrada de acceso a Vilanova. Tamén poderán participar establecementos de venda de produtos vexetais, gastronómicos e bebidas con posto propio na vía cara a Santa María.
A selección de participantes realizarase en réxime de concorrencia competitiva, valorando aspectos como a orde de inscrición, a singularidade do oficio, a súa vinculación coa tradición galega, a realización de demostracións prácticas e a adecuación estética e ambiental ao carácter tradicional da romaría. No caso dos postos gastronómicos do interior, tamén se terá en conta o lugar de empadroamento, con preferencia para Vilanova dos Infantes e o Concello de Celanova.