Adxudicadas as obras da rúa Alejandro Pedrosa por preto de tres millóns de euros

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense acordou este martes en sesión extraordinaria adxudicar a Oreco Balgon SA, o contrato das obras do proxecto construtivo de acondicionamento e mellora dos espazos urbanos na rúa Alejandro Pedrosa.
Este proxecto está financiado parcialmente con fondos procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Recuperación Next Generation EU, ao abeiro do Programa de axudas a municipios para a implantación de zonas de baixas emisións e a transformación dixital e sostible do transporte urbano. As obras adxudícanse por un importe total de 2.979.419,36 euros.
Na mesma sesión, a Xunta de Goberno Local aprobou tamén as bases reguladoras da convocatoria pública para a concesión de subvencións para o Programa 1 de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de barrio Next Generation EU, que contemplan o conxunto histórico de Ourense, o núcleo de interese etnográfico de Seixalbo, O Polvorín, As Camelias e A Carballeira e Serra San Mamede, Cruceiro Quebrado e A Inmaculada.