Afundación creará un gran centro sociocultural na Avenida de Pontevedra

OurenseXa
O proxecto contempla a rehabilitación do antigo Hotel Barcelona que estará comunicado interiormente co edificio contiguo, actual Sede de Afundación en Ourense, para crear un gran conxunto arquitectónico
afundacion-ourense
9 Apr 2025

Afundación poñerá ao dispor de Ourense e a súa cidadanía un gran centro sociocultural que aglutinará as distintas propostas que desenvolve a Obra Social de ABANCA nos seus catro ámbitos de actuación: educación, cultura, maiores e voluntariado e acción social. O proxecto suporá a rehabilitación do antigo Hotel Barcelona e a súa comunicación interior coa actual Sede de Afundación en Ourense, situados respectivamente no número 11 e número 9 da Avenida de Pontevedra. O gran conxunto arquitectónico resultante porá ao dispor da cidadanía máis de 5500 metros cadrados de superficie construída no corazón de Ourense.

O presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, presentou o proxecto, que está actualmente en proceso de licitación dos servizos de arquitectura. En palabras de Miguel Ángel Escotet “o proxecto do noso novo centro sociocultural, continuando coa tradición cultural e social desta cidade, chega para reforzar e sumar á oferta xa existente na urbe. Con iso queremos mostrar a nosa implicación absoluta con Ourense, coa súa marcada identidade cultural e coa súa cidadanía”.

Esta ambiciosa proposta da Obra Social de ABANCA para Ourense suporá a rehabilitación integral do inmoble do antigo Hotel Barcelona, que recuperará o seu aspecto exterior orixinal con soto e cinco plantas. O edificio comunicarase interiormente coa actual sede de Afundación en Ourense, de forma que os espazos de ambos os inmobles poidan utilizarse conxuntamente segundo as propostas de programación que se deseñen. Así, contarán con salas de exposicións, talleres para escolares, auditorio, aulas e salas de usos múltiples, entre outros. Ademais de responder as necesidades de usos fixadas na memoria, o proxecto integrará as últimas tecnoloxías de modo que se garantan a sustentabilidade enerxética e o uso de enerxías renovables.

A nova Sede Afundación de Ourense converterase nun centro multidisciplinar e interxeracional, co obxectivo de dar cabida a todos os proxectos e actividades que desenvolve actualmente a Obra Social de ABANCA nos seus distintos ámbitos de actuación. Deste xeito, acollerá actividade cultural, educativa e toda a programación da área de Maiores.

O novo espazo confórmase como un centro interxeracional, no que as actividades de promoción do envellecemento activo, seguindo os exitosos modelos implantados en Vigo e Ferrol, incorporaranse á dinámica do centro. Aínda que os maiores de 60 anos, e concretamente as preto de 1900 persoas socias rexistradas en Ourense, sexan as usuarias preferentes, a oferta estará aberta a público doutras idades. Así mesmo, involucrarase ás persoas maiores, segundo os seus intereses, nas actividades culturais e educativas con mozas e escolares que leven a cabo na sede. Deste xeito, crearanse oportunidades para que as distintas xeracións estean conectadas.

Afundación, dentro do seu obxectivo de estender a acción social e cultural na sociedade na que se asenta, seguirá desenvolvendo propostas adaptadas á demanda da cidade, tal e como destacou Miguel Ángel Escotet na rolda de prensa celebrada esta mañá: “continuaremos escoitando activamente á cidadanía ourensá, atentos a novas necesidades que poidan xurdir para adaptar, flexibilizar e actualizar o noso modelo ás súas demandas, dando respostas eficaces ás súas necesidades, sempre con talante trasformador e de mellora”.

Así, a Obra Social de ABANCA ofrecerá unha ampla oferta que inclúe exposicións, con especial protagonismo para artistas ourensáns de recoñecido prestixio e as coleccións de arte de ABANCA e Afundación, representacións escénicas e musicais, ciclos de conferencias etc. Unha oferta diversa, na que ten tamén especial relevancia a programación dirixida a escolares, coa que a entidade busca sumar e enriquecer a oferta social e cultural da cidade de Ourense, abrindo o seu espazo a outras entidades e colectivos, como “unha casa aberta á sociedade”.

Situado na contorna da alameda ourensá, un dos espazos urbanos máis interesantes da cidade, o edificio que alberga a actual Sede de Afundación, con máis de 3000 metros cadrados de superficie, é un dos inmobles máis representativos do ecléctico modernismo galego. Esta singularísima edificación foi deseñada en 1913 polo arquitecto Daniel Vázquez Gulías como sede da actividade comercial promovida polo seu primeiro propietario, o comerciante e almacenista de tecidos Alfonso Santos Junquera. Ata a súa construción definitiva, o inmoble pasou por diversas transformacións desde a súa concepción ata o seu proxecto final converténdoo no máis parisiense dos edificios de Vázquez Gulías, a semellanza dos almacéns da capital francesa dos primeiros anos do século pasado.

Proxectado en 1910, o antigo Hotel Barcelona, obra tamén de Vázquez Gulías, serviu no seu momento para favorecer o encontro do espazo natural da alameda coas rúas da Avenida de Pontevedra, o Progreso e a Baixada ás Burgas. Excelente mostra do eclecticismo do seu arquitecto, baixo a súa aparente sinxeleza, aglutina unha mestura de elementos de moi distinta procedencia que lle outorgan unha intemporalidade e unha ambigüidade que, do mesmo xeito que o seu edificio contiguo, son resultado do seu extenso proceso de deseño.

⚙ Configurar cookies
0.13203191757202