Afundación organiza desde o seu Espazo +60 unha xornada sobre ciberseguridade
Só na provincia de Ourense, durante 2023 cometéronse máis de 2500 ciberdelitos e estafas informáticas, segundo os datos recollidos polo Ministerio del Interior. España situouse en 2023 entre os 10 países do mundo con maior número de ciberataques, cun crecemento da cibercriminalidade superior ao 25% por cento respecto ao ano anterior. E vendo a evolución dos últimos oito anos, as estafas informáticas – que supoñen o 90% dos delitos cometidos neste ámbito–, creceron un 508%.
O roubo de datos persoais, o ransomware e a irrupción da intelixencia artificial xenerativa son algunhas das principais preocupacións neste ámbito. Co obxectivo de coñecer mellor este contexto e facilitar ferramentas á sociedade para defenderse ante este tipo de ataques, Afundación ofrece mañá en Ourense unha xornada sobre ciberseguridade, promovida pola súa Área de Maiores, en colaboración coa policía nacional de Ourense e ABANCA. O encontro, que terá lugar ás 11.00 horas, na Sede da Obra Social de ABANCA (avenida de Pontevedra, 9), con entrada libre ata completar aforo, contará coa participación de José Antonio Armero, delegado de participación cidadá e inspector de Ourense; Fátima Cereijo Conde, responsable de control de fraudes, intelixencia artificial e privacidade de ABANCA; José Manuel Araújo, inspector xefe de delitos tecnolóxicos e Javier Dorribo, formador do Espazo+60 Afundación de Ourense.
Nun mundo cada vez máis conectado, coa proliferación no uso de dispositivos intelixentes, xunto ás vantaxes que ofrecen, exponse tamén importantes desafíos no ámbito da ciberseguridade. No encontro abordaranse, entre outros temas, a configuración, seguridade e prevención, as estafas máis estendidas como o phising, smishing ou o vishing, as canles de acceso dos ciberataques (redes sociais, móbiles…), as claves para a seguridade na banca móbil, a protección dos datos persoais, a privacidade no contexto dixital e, en xeral, a importancia da educación en ciberseguridade.