Afundación arranca unha nova edición dos programas interxeracionais ‘Fálame da emigración’ e ‘Falamos da escola’

Afundació comeza este mes de febreiro unha nova edición dos seus programas interxeracionais ‘Fálame da emigración’ e ‘Falamos da escola’.
Achegar ao alumnado de secundaria as experiencias das persoas maiores na emigración e no seu período escolar é o fío condutor de ambos os proxectos no que participan estudantes de Secundaria e Bacharelato e persoas maiores voluntarias, socias dos Espazos +60 de Afundación.
Esta nova edición chegará inicialmente a 12 centros educativos de Ares, Fisterra, Lugo, Monforte, Ourense, Ponteareas, Redondela, Santiago e Vigo, aos que se incorporarán novas localidades nos próximos meses.
Tras 9 anos de implantación dos seus programas interxeracionais, desde a área de Maiores de Afundación realizouse un estudo de avaliación nos centros participantes na edición 2023-2024 que mostra como inciden significativamente na redución dos estereotipos negativos sobre o envellecemento entre o alumnado.
289 estudantes de 8 centros de secundaria responderon o Cuestionario de Estereotipos Negativos sobre o Envellecemento (CENVE) ao principio e final do programa. A conclusión é que, aínda que inicialmente o 70,4 % do alumnado tiña xa niveis baixos ou moi baixos de estereotipos negativos sobre o envellecemento, tras a súa participación no programa, a porcentaxe incrementouse ata o 86% do alumnado. Así mesmo, outro dos indicadores da avaliación revelou que, tras a participación, a porcentaxe dos estudantes que pensaban que ambas as xeracións teñen algo ou bastante en común subiu do 68 ao 74 %.
“Estes resultados, sumados ás avaliacións que realizamos durante os 9 anos de implantación dos programas entre o alumnado participante, as persoas voluntarias e os docentes, mostran a súa potencialidade e a necesidade de seguir traballando en proxectos interxeracionais que contribúan a unha maior cohesión social. Sen dúbida ratifican o que recolle o Informe Mundial de Idadismo da OMS que subliña que as actividades educativas e as intervencións de contacto interxeracional son, xunto ás políticas e a lexislación, as estratexias máis eficaces para combater o idadismo”, subliña Sabela Couceiro, coordinadora da área de Maiores de Afundación.
Encontros na aula
‘Fálame da emigración’ e ‘Falamos da escola’, desenvólvense en centros escolares situados nas localidades e a súa área de influencia nas que Afundación conta cun Espazo +60: as sete principais cidades galegas e as poboacións de Viveiro, Betanzos, Pontedeume e Monforte de Lemos. Ademais, nesta edición incorporáronse outros municipios como Ares, Fisterra, Redondela e Ponteareas, co obxectivo de ampliar o seu alcance.
Nos encontros na aula, os voluntarios e voluntarias dialogan con estudantes sobre a experiencia dos maiores na emigración e a visión de ambos sobre o pasado e o presente tanto dos movementos migratorios como dos sistemas educativos. A partir do relato experiencial da emigración ou da escola vivido en primeira persoa, doutros recursos didácticos proporcionados por Afundación (documentais, guías didácticas etc.)/ etc.) e de traballos dos escolares sobre os seus vínculos familiares coa emigración e os sistemas educativos pasados, alumnado e maiores establecen un diálogo.
Ademais, no caso particular de «Fálame da emigración» reflexionan acerca das motivacións para emigrar, as dificultades, as aprendizaxes, as semellanzas da emigración das persoas maiores e a actual, un intercambio especialmente enriquecedor se hai alumnado inmigrante na aula.
Ambos os proxectos proporcionan un marco de aprendizaxe non formal que favorece a curiosidade, a empatía e a motivación do alumnado, á vez que contribúe a establecer vínculos entre estudantes e maiores baseados na escoita, o respecto e o recoñecemento mutuo e a desmontar estereotipos por ambas as partes, en liña co modelo de educación transformadora promovido por Afundación.
Doutra banda, seguindo a liña estratéxica de ‘O valor da experiencia’ da área de Maiores da entidade, o proxecto favorece que as persoas maiores sentan escoitadas, útiles e que vexan recoñecida a súa contribución á comprensión dun capítulo esencial da nosa historia recente.