Alba Souto, presidenta da Maquinadora: “Queremos poñer no mapa aos artistas de Ourense e da súa contorna”
Os días 25, 26 e 27 de outubro Ourense acollerá, por primeira vez, a iniciativa 'Estudios Abertos'. 14 talleres de artistas de Ourense e das súas proximidades abrirán os seus talleres á cidadania. Falamos con Alba Souto, presidenta da Asociación Cultural A Maquinadora e unha das promotoras de este ambicioso proxecto cultural.
Como nace esta asociación?
A Maquinadora nace froito do desexo de continuar en contacto dun grupo de ex-alumnado do Ciclo de Produción de Audiovisuais e Espectáculos do CIFP A Farixa. Algúns de nós coincidiramos facendo o ciclo e participáramos en producións nas que nos involucramos moito máis alá do traballo do centro. Foron uns anos nos que, animados polos profesores Tomás Lijó e Diana Casanova, producimos varios eventos na cidade de Ourense como o Hai que Cantar, encontros de cantos de taberna, as galas Imos de Curtas, algunhas curtametraxes, etc. Eran prácticas de aula pero sempre acababan involucrando a moita xente de fora do centro e se convertían en xornadas de traballo maratonianas e cheas de entusiasmo.
Algún dos membros da asociación, ao saíren do ciclo, comezaron a traballar e a día de hoxe están en activo nos sectores do audiovisual ou do espectáculo, pero outros, coma min, por circunstancias, acabamos desenvolvendo tarefas que nada teñen que ver con isto, aínda que sempre nos quedaba a espiña de non podermos levar a cabo algún proxecto que mantivera vivas as ganas de producir e de dinamizar no campo da cultura, e andando nestas, apareceu Tomás un día, despois do encerro da pandemia propoñéndonos que montaramos unha asociación para termos unha base legal, comezar a xuntarnos, facer tormentas de ideas e intentar activar proxectos reais en contextos reais. Así o fixemos e logo duns meses naceu a Maquinadora.
Cales son os principais obxectivos da asociación?
O nome completo co que bautizamos a asociación é A Maquinadora, Activadora de Proxectos e Ideas, e penso que iso define ben o que pretendemos coa asociación. Hai un primeiro obxectivo procedemental, que é facilitar que xente coma nós, que recentemente rematou estudios no campo da produción de audiovisuais e espectáculos poda ter un soporte legal para arrancar un proxecto, presentar unha subvención, etc. Nese caso a Asociación funciona como contedor, asumindo proxectos que consideramos interesantes, involucrando ás socias e socios e poñéndoos a andar co asesoramento de profesionais de campos relacionados aos que temos acceso e que, a verdade, sempre nos reciben con moito afecto e se involucran moitísimo.
De que tratan eses proxectos?
Máis aló de servirnos como ferramenta para poñernos a andar, os proxectos que nos interesan son aqueles que involucran a sectores distintos do tecido social e cultural, e que nos permiten establecer lazos con mundos da cultura cos que apenas teriamos contacto se non fora por causa deles, proxectos que fagan traballar a xente de mundos e idades distintos e que contribúan a xerar comunidade.
E hai outro obxectivo non menos importante, que é aprender dos procesos e pasalo moi ben co que facemos, canalizar o noso ocio cara unha forma de divertimento produtivo e que axude a facer mellor a nosa contorna.
Como xorde a idea de traer Estudos Abertos a Ourense?
Os Estudios Abertos Ourense é o primeiro proxecto que conseguimos sacar adiante, pero non o primeiro no que traballamos. Intentámolo cunha película documental, pero non fomos capaces de conseguir o financiamento necesario, logo iamos producir o videoclip dun grupo ourensán, pero tamén se nos atravesou, e finalmente, xa fai case dous anos, comezamos a traballar nesta idea, pero non foi fácil porque os apoios se nos resistiron ata agora.
A proposta chéganos precisamente a través dunha artista, de Natasha Lelenco, que tiña realizado numerosas accións de portas abertas no seu estudio da Casa das Peritas, en Fisterra, e que ten estudio en Ourense desde fai un tempo e que, ata a fecha, aínda nunca o abrira ao público. Falando con ela, e con Tomás Lijó, xurde a idea de traer a Ourense un modelo de evento que ten unha moi longa tradición en moitísimas cidades no mundo, e que en Galicia, só en A Coruña ven realizándose nos últimos anos.
Parecíanos que un proxecto que involucra a toda a comunidade artística da cidade e das súas proximidades e que ofrece unha experiencia completamente novidosa tería que ser fácil de arrancar, e conseguimos moi rapidamente a implicación dos artistas, pero o certo é que nos sentimos moi frustradas porque non conseguiramos que ningunha administración pública de Ourense cidade ou provincia o apoiaran.
Tedes apoio por parte das administracións?
O proxecto faise con moito entusiasmo e motivación, con moitísimo traballo e un presuposto ridículo. Estamos seguras de que vai ter un retorno máis que interesante e dóenos moito a falta de interese co que nos recibiron no Concello de Ourense e na Deputación, aínda que estamos seguras de que isto cambiará para a seguinte edición.
Por sorte na Dirección Xeral de Cultura si que nos ofreceron apoio, e daquela apareceu tamén Miguel Mosquera, de Fina Rei, que entrou como patrocinador privado dándonos confianza e favorecendo os recursos mínimos para tirarnos a piscina, e logo os concellos de Taboadela e Coles, e adegas Martin Códax, que convidará aos seus viños nas visitas e un feixe de establecementos colaboradores que nos están ensinando que si é posible facer cousas en colaboración e coa implicación da cidade.
En que consiste exactamente o proxecto?
O proxecto consiste en abrir simultaneamente, do 25 ao 27 de outubro, 14 talleres de artistas de Ourense e da súa contorna. Os horarios e os espazos poden consultarse na nosa web, www.estudiosabertos.com e desde alí podemos acceder tamén ao mapa xeolocalizado que nos permitirá chegar a eles.
As persoas visitantes poderán achegarse e organizar as súas visitas ao seu antollo durante o horario, dun xeito libre e gratuíto, permitindo un encontro de primeira man cos artistas e coas artistas.
Entendemos o evento como unha festa das artes plásticas e visuais contemporáneas, con propostas moi disintas pero nas que o contacto directo vai ser a clave, unha especie de feira de arte descentralizada que vai obrigar a que nos movamos pola cidade e pola súa contorna descubrindo e entrando en espazos que a maior parte das veces, nin sequera sabiamos que existían e que, ademais, nunca ata agora foran visitables para o público xeral.
Cal é a misión fundamental desta iniciativa?
Diría que poñer no mapa aos artistas de Ourense e da súa contorna, animar a xente a que perda o medo e se achegue á arte a través dos artistas que conviven con nós e poñelos en valor. A política cultural de Ourense ten que ser moito máis que as orquestras. Hai xente moi valiosa e o seu traballo pode axudar a enriquecer ao conxunto da cidade e provincia.
De cara aos artistas e os visitantes, tamén queremos favorecer que a xente perda o medo a comprar arte. Con frecuencia tendemos a desprezar o próximo e valorar o que ben de fora, e iso é unha perspectiva moi inxusta e moi equivocada. Ás veces acabamos mercando obxectos industriais por prezos moi parecidos a obras únicas que nunca van pasar de moda, que van a formar parte do noso patrimonio toda a vida, e que ademais, van a permitir que os seus creadores podan seguir traballando e os temos aí ao lado da casa. Acabamos gastando diñeiro en lixo e temos auténticos tesouros a prezos moitas veces máis accesibles do que pensamos. Máis alá diso, ofrecemos unha actividade sa, sostible e sen dúbida, moi divertida.
En que concellos se levará a cabo?
Dos 14 espazos participantes 9 están no Concello de Ourense, repartidos entre os barrios da Ponte-Vinteun, o Couto, Lagoas e o Centro histórico. Fóra de Ourense están os talleres de Baldomero Moreiras en Paderne de Allariz, Xosé e Rosendo Cid en Taboadela, Sula Repani e Vilamarín, Manolo Figueiras en Coles e o de Isabell Seidel en Amoeiro.
Toda a programación está dispoñible en www.estudiosabertos.com. O mellor xeito de enterarse é achegarse e ler, e seguirnos nas nosas redes sociais. Ata temos unha liña de whatsapp para consultas.