ALCER Ourense inaugura a exposición “Pacientes e Sanitarios xuntos pola saúde renal”
A Asociación de enfermos renais de Ourense ALCER, xunto co xerente da área sanitaria, Félix Rubial, a Xefa de Servizo de Nefroloxía, Cristina Pérez Melón, o Xefe de Servizo de Uroloxía, Dionisio López Bellido, inaugura a exposición fotográfica “Pacientes e Sanitarios xuntos pola saúde renal” con motivo da celebración do Día Mundial do Ril.
A mostra está composta por 50 imaxes cada unha delas integrada por un paciente de enfermidade renal e un profesional sanitario do servizo de nefroloxía co obxectivo de visibilizar esta enfermidade e a importancia do seu diagnóstico precoz. Asemade haberá unha mesa informativa no vestíbulo de entrada do Hospital Cristal.
Día Mundial do Ril
A enfermidade renal crónica (ERC) xa afecta ao 15% da poboación española e en poucos anos, de seguir o seu ritmo de crecemento actual, padeceraa un terzo das persoas maiores de 65 e converterase na segunda causa de morte en España, apuntan dende ALCER. A ERC aumentou máis dun 30% na última década en España, situándose en 1.411 pacientes por millón de poboación. En total, 66.982 persoas en España están en diálise ou transplante. En Galicia 2.142 persoas atópanse na actualidade cun transplante funcional e case 2000 en diálise.
O Día Mundial do Ril celébrase este ano baixo o lema “Promovendo a igualdade no acceso á atención sanitaria”, o cal incide na necesidade de garantir a igualdade e un acceso equitativo aos recursos sociosanitarios e tratamentos renais para as persoas ERC, independentemente da comunidade ou o lugar onde resida..
A Federación Alcer Galicia súmase á solicitude dun Plan de Saúde Renal de ámbito nacional que recolla medidas concretas para avanzar na prevención e diagnóstico precoz da ERC e frear así o seu crecemento. A nivel galego contamos co Proceso de Atención Integral da Consellería de Sanidade que contamos sirva para conseguir este obxectivo.
Unímonos á reivindicación de fomentar especialmente as técnicas de diálise domiciliaria para facilitar o proxecto de vida das persoas en tratamento renal substitutivo nun territorio, como o galego, dunha alta dispersión. As indicacións en materia de atención en enfermidade renal crónica sinalan que se deben fomentar ás técnicas domiciliarias, pero nin en Galicia nin en España todas as persoas en diálise teñen acceso igualitario a tratamentos domiciliarios que faciliten manter o proxecto de vida.
“Hai que lograr que os cidadáns se preocupen pola súa función renal, igual que o fan cos seus niveis de colesterol ou ácido úrico, ou coa súa tensión arterial”, afirma o presidente da Sociedade Española de Nefroloxía (S.E.N.), o Dr. Emilio Sánchez.
Por iso, dende AlCER destacan que esta é "unhas das enfermidades máis descoñecidas pola poboación en xeral no noso país e ten un elevado impacto sociosanitario (case 4% do gasto sanitario) e na calidade de vida das persoas". Sen embargo, lembran, "conéctese como "epidemia silenciosa" cunha taxa de infradiagnóstico por riba do 40 %".
Dende a Asocición consideran que a saúde renal formará realmente parte dos coidados da sociedade cando os sistemas de traslados a tratamento de hemodiálise sexan equitativos e con garantías de calidade en toda Galicia, cando se respecten os acordos da intervención integral á persoa e se traballe en conxunto con traballo social, psicoloxía e nutrición, así como cando se equipe aos plans de actuación de orzamentospara poder realizar unha prevención a curto prazo real.
A Federación Alcer Galicia solicitou un apagón de Concellos e Deputacións en solidariedade coa poboación electrodependente que en Galicia non conta desde hai anos con axuda para sufragar os gastos ocasionados: tratamentos de diálise domiciliaria, osixenoterapia, etc.