ALCER Ourense organiza mesas informativas no Día Mundial do Ril para concienciar sobre a Enfermidade Renal Crónica

Con motivo do Día Mundial do Ril, que se celebra este xoves 13 de marzo, a Asociación Alcer Ourense instalará tres mesas informativas no Complexo Hospitalario de Ourense para sensibilizar sobre a Enfermidade Renal Crónica (ERC). As mesas estarán situadas no edificio Cristal do hospital de Ourense, así como nos hospitais comarcais do Barco de Valdeorras e Verín. A inauguración das tres mesas contará coa presenza de autoridades e terá lugar ás 11:30 horas.
A ERC afecta actualmente ao 15% da poboación española e, de continuar co seu ritmo de crecemento, estímase que en poucos anos un terzo das persoas maiores de 65 anos padecerán esta enfermidade, que se converterá na quinta causa de morte en España para o 2040. Na última década, a ERC aumentou máis dun 30% en España, e máis de 67.000 persoas están en tratamento de diálise ou recibiron un transplante renal. Cada ano, arredor de 7.000 persoas ingresan nos programas de diálise e transplante, sendo un 25% delas debido á diabetes. En Galicia, actualmente hai 2.025 pacientes en diálise e 2.062 con transplante funcional.
Este ano, o Día Mundial do Ril celébrase baixo o lema "Están ben os teus riles? Descúbreo a tempo, protexe a túa saúde renal". O obxectivo é concienciar sobre a importancia da prevención, a detección precoz, o infradiagnóstico e o aumento da incidencia da ERC. A Federación Alcer Galicia destaca que un 40% da poboación está infradiagnosticada, o que subliña a necesidade de campañas de concienciación e detección precoz por parte das autoridades sanitarias.
A Federación Alcer Galicia tamén defende a promoción do transplante renal e a potenciación das terapias de diálise domiciliaria, que ofrecen importantes beneficios clínicos e sociais, como unha maior autonomía e a conciliación laboral e familiar. Búscase aumentar ao 25% o número de persoas que inician a diálise nos seus propios fogares. Non obstante, tanto en Galicia como no resto de España, aínda existen barreiras para que estes proxectos melloren realmente a calidade de vida das persoas afectadas pola ERC.
Desde Alcer Galicia reivindícase a necesidade de políticas de prevención ante o crecemento exponencial da ERC, así como unha mellora no transporte para os pacientes de hemodiálise, que debería considerarse parte do seu coidado renal con garantía de calidade en toda Galicia. Ademais, a Federación esixe un acceso igualitario aos tratamentos renais sustitutivos en todas as Áreas Sanitarias, con información clara e axeitada sobre cada un deles.
A partir do 13 de marzo, Alcer Galicia difundirá un vídeo no que os profesionais de Nefroloxía, líderes das xefaturas de servizo nas distintas Áreas Sanitarias de Galicia, detallan as medidas que a poboación debe ter en conta para coidar a súa saúde renal.