Alexandre Sotelino: “Queremos poñer en valor o rural como un lugar onde tamén se poden organizar eventos”

O Festival Internacional Rebulir regresa a Ramirás entre o 19 e o 22 de decembro. Unha cita coa música tradicional que tamén pasará por Ourense e Celanova e que este ano cumpre 19 anos poñendo en valor a cultura. Alexandre Sotelino Losada, director artístico do Festival Internacional Rebulir 2024, conta como foi a evolución deste evento.
Como xorde a idea de facer este festival?
O Festival naceu hai 19 anos como algo pequeno, como un Festival de Nadal dunha escola onde invitar a outros grupos para ensinarlles o que sabemos facer e aprender tamén do que facían outros. Comezou como un festival pequeno e humilde e, ao final, hai un tempo que se nos foi das mans e actualmente converteuse en algo bastante máis grande. Cada ano medramos un pouco máis e este ano vai ser un ano de récords.
Como foi esa evolución?
Foi paulatina e sostible, é dicir, nós ao final facemos o festival dende unha organización sen ánimo de lucro e facémolo para gozar del. Entón, imos medrando conforme nos apetece. Quero dicir, o festival é algo ao que nós temos moito cariño e que mimamos moito, onde tanto a xente da asociación como o propio concello se implican moito. Entón, fomos medrando pouco a pouco. Si é certo que se foron profesionalizando as cousas, agora, por exemplo, temos que contratar xente para algunhas cuestións, como produción, protocolo, prensa, fotografía, etc. Pero seguimos mantendo esa identidade propia que ten este evento. Ao final é un evento do rural, un evento de mozos e mozas que están poñendo a cultura no foco que debe ter.
Cal é a misión principal desta iniciativa?
Por unha banda, hai unha parte importante que é a interculturalidade. É dicir, traemos a colectivos que poden ser distantes culturalmente, como pode ser o caso de México, ou exemplos máis próximos como Portugal, Valencia ou Asturias, e ao final vas vendo o que fan, buscando semellanzas. Convivimos durante uns días e atopámonos en algo que facemos e que temos todos en común, centrámonos en ver máis aquilo no que nos parecemos e non tanto no que nos diferenciamos. Estamos nun mundo onde os discursos de odio, por desgraza, están á orde do día, un mundo no que se pon o foco no diferente. Nós buscamos fomentar as conexións, o común.
Por outra banda, tamén nos gusta poñer en valor o rural como un lugar onde tamén se poden organizar eventos, un lugar onde se pode plantexar un evento destas características e traer a centos de persoas durante unha fin de semana para o desenvolvemento desta zona. Ademais, tamén queremos manter os ciclos que trouxeron as tradicións vivas ata nós. Porque a tradición non é nosa, non é de Rebulir, é de todos e todas, hai que mantela, sacala aos ruedos e levar a cabo iniciativas que a devolvan ao pobo, que é de quen ten que ser.
Que supón para un concello como Ramirás?
O concello de Ramirás ten uns 1.500 veciños e veciñas. O festival move máis do dobre de persoas que veciños hai no concello. Por exemplo, só na gala central hai unhas 800 persoas aproximadamente, máis artistas, organizadores, etc. É dicir, estamos falando dun impacto no concello durante eses días moi importante a nivel económico, turístico, etc. Son uns días nos que todo o que se fai no concello está dalgunha maneira marcado polo festival.
Ademais do Festival Internacional Rebulir, dende a asociación levades a cabo moitos outros proxectos, como vos organizades?
Hai que chamar a moitas portas. No Festival participan máis de 50 empresas, entidades, institucións, patrocinadoras, etc. Pero despois, o resto do ano a verdade é que temos moito apoio tanto da xente que está na propia asociación, que ao final somos máis de 120 socios, como das familias e veciños. Con todo iso imos sacando os nosos proxectos. Pero sobre todo é a dedicación. Temos moita dedicación e investimos moito tempo e esforzo no que nos gusta. Ao final somos amigos e amigas, somos xente que está involucrada no proxecto e temos á nosa xente máis próxima tamén metida nel, entón gozámolo.
Cando me preguntan cal é a clave do éxito sempre digo que é que o gozamos. Mentres sexa así, as cousas son fáciles de facer. Ao final ten que gustarnos, porque facémolo de forma altruísta maioritariamente. Por exemplo, tivemos un proxecto que era a Noite de Fiadeiro que se acabou convertendo en algo tan grande que deixou de gustarnos tal e como estaba formulado e tivemos que descartalo e buscar outro formato. Por iso digo que ao final as cousas hai que gozalas, aínda que tamén hai unha parte de lograr unha certa proxección.
Cres que cada vez custa máis achegar a música tradicional ás novas xeracións?
Eu creo o contrario. Dende o meu punto de vista agora hai cada vez máis demanda da música tradicional e do baile tradicional. Agora hai un novo tipo de demanda que é a dos artistas que utilizan a tradición como base e a adaptan con sons máis modernos. Hai un montón de artistas como Rodrigo Cuevas, Montra, Fillas de Casandra ou Baiuca que beben da tradición e que están tendo moito éxito no escenario. Con todo, creo que a tradición para nada quedou en desuso, senón que, ao contrario, estase a reinventar.