Amigos do Patrimonio de Toén: unha plataforma para dignificar a historia e a cultura local

OurenseXa
Pablo Sabucedo, historiador e membro da Asociación de Amigos do Patrimonio de Toén, explica como é o traballo desta plataforma cultural para recuperar o patrimonio e as tradicións do municipio
david-sabucedo-pablo-sabucedo-oscar-lopez-amigos-del-patrimonio-de-toen
David Sabucedo, Pablo Sabucedo e Óscar López Domínguez
27 Apr 2025

Por Raquel Pérez

No ano 2019, un grupo de veciños de diferentes parroquias de Toén crearon, co obxectivo de defender e poñer en valor o patrimonio do municipio, a Asociación de Amigos do Patrimonio de Toén. Pablo Sabucedo, historiador e membro da asociación dende os seus inicios, explica que, nun principio, a idea xurdiu para defender un dos lugares máis importantes do municipio, que nese momento se vía ameazado.

Trátase do Castro de Trelle, agora escavado grazas ao labor dos membros desta asociación e do propio Sabucedo. “Tíñamos que protexelo e intentamos asociarnos. A maioría eramos veciños e amigos. Meu curmán e mais eu eramos historiadores e quixemos darlle un enfoque un pouco máis académico, divulgar a súa importancia, a súa historia”. Pero iso, explica Sabucedo, foi só o punto de partida.

“A escavación custounos bastante. Ao final conseguimos unha subvención, pero tivemos que achegar unha cantidade moi elevada, fomos pedindo porta a porta”. En total, lograron recadar 22.000 euros para comezar, entre as achegas dos socios e as doazóns recadadas.

Investigación e divulgación

Hoxe en día, a asociación agrupa a 90 persoas aínda que, como explica Sabucedo, só tres se dedican á parte de investigación. “A documentación e a investigación son a base de todo”. Un labor que non é doado e que, ademais, require de moito tempo.

“Se, por exemplo, nos marcamos como obxectivo coñecer o que sucedía en Toén no século XV, quizais estamos buscando información durante un mes e, do que imos atopando, sempre xorden ramificacións doutros temas que igual non teñen que ver coa historia propiamente dita, pero que son interesantes”.

Actualmente, entre outras cuestións, Amigos do Patrimonio de Toén está a realizar unha investigación sobre o Entroido de Mugares, unha tradición recuperada no 2002 por unha Asociación de Mulleres Rurais e que se consolidou tras a creación da Asociación Cultural Entroido de Mugares. Neste sentido, sinala: "estamos facendo un traballo bastante exhaustivo con fontes orais e con documentación inédita dos séculos XIX-XX. Intentaremos sacalo ao longo do ano que vén".

Sabucedo pon en valor a importancia da tradición oral para recuperar a cultura do lugar, pero insiste en que sempre é necesario darlle un enfoque máis académico para coñecer con certeza as orixes das tradicións. “Sempre hai que tentar ir á fonte orixinal, que adoita existir”.

Parte do traballo realizado pola asociación durante estes anos quedou reflectido na publicación de dous libros sobre historia local e na edición da revista ‘Terras de Louredo’, elaborada en colaboración con veciños de Barbadás e Piñor, que xa ten preparado o seu segundo número e que pronto poderá consultarse.

Difusión e labor social

Aínda que a investigación é unha parte imprescindible e a base da asociación, non é a única liña de traballo. Outras tres socias céntranse especialmente na labor “máis social”, explica Sabucedo. Así, organizan rutas culturais e actividades nos colexios para tentar poñer en valor o patrimonio histórico, cultural e natural de Toén e a súa contorna. Por exemplo, sinala Sabucedo, “este ano imos participar na festa dos Maios de Ourense cun Maio sobre as lendas das Mouras”.

Ademais, destaca a importante función que teñen as redes sociais na difusión do patrimonio. “Facemos vídeos, subimos publicacións, intentamos estar sempre moi activos”. Así, a través das redes da Asociación, calquera persoa pode coñecer e achegarse a todos os segredos e historias de Toén e arredores.

A defensa do patrimonio como obxectivo común

“En Galicia hai moitísimo patrimonio”, sentencia Sabucedo. En Toén, lembra o historiador, había unha carencia moi importante en canto a estudos de patrimonio, a pesar de que a riqueza natural e cultural do municipio é moi ampla. “Nos anos 80 e 90, incluso nos 2000, non había ningún tipo de protección do patrimonio. O que queriamos e fomos conseguindo era poñernos á altura doutros concellos”.

Hoxe en día, grazas ao labor realizado desde Amigos do Patrimonio de Toén e ao apoio das institucións, a situación está cambiando. “Dende pequenos notabamos esa carencia. Os políticos de antes tampouco tiñan ningún tipo de interese en fomentar o noso patrimonio, pero agora a situación mudou moito. Apóiannos desde todos os lados, tanto dende o propio Concello como dende a oposición”.

Pon como exemplo o ocorrido hai uns anos cando se intentou construír unha nova canteira. Desde a Asociación manifestaron o seu total rexeitamento a través de mobilizacións que contaron co apoio de todos os grupos políticos da zona. “Escoitáronnos, todos os grupos políticos estiveron a favor das nosas reivindicacións”. Grazas a iso, comenta, déronse conta da importancia do seu labor. “Somos unha plataforma para dignificar Toén”.

Historia, natureza e patrimonio oculto

Toén conta, como destaca Sabucedo, cun rico patrimonio natural no entorno do río Miño, un lugar imprescindible para quen queira pasear e coñecer un pouco máis a contorna deste municipio. “Antes non había sendeiros nin rutas, agora moita xente vén camiñar, pregúntanos, interésase por coñecer a zona”.

Ademais, conta con dous castros, un deles, o máis coñecido, o de Trelle, todo un símbolo da cultura castrexa da nosa comunidade. “Para ir ver grandes castros non fai falta ir a Portugal”, sentencia o historiador, que lembra que “na zona de Ourense hai un gran patrimonio deste tipo. Recomendaríalle a todo o mundo que veña ver o de Trelle”.

Ao longo dos anos, os historiadores da asociación sacaron á luz varias mámoas. “Limpámolas todos os anos, unha está en Moreira e a outra en Toén”, explica. Pero, sen dúbida, a xoia da coroa son, ao seu parecer, as pinturas renacentistas que hai na igrexa de Santa María de Mugares. “Son moi atípicas. En Galicia haberá tres ou catro exemplos como este”.
Non se esquece, por suposto, da Igrexa de San Pedro de Moreiras, un dos lugares máis emblemáticos do barroco galego e, quizais, un dos máis coñecidos e visitados deste municipio.

Recuperando tradicións e lendas

Ademais do xa mencionado Entroido de Mugares, a asociación está traballando agora en recuperar outra das tradicións centenarias do lugar: a barca. “Estamos intentando recuperar unha barca tradicional”, explica Sabucedo. “Antes de que existira o encoro de Castrelo de Miño, cando o nivel da auga era moito menor e non había tantas correntes, era moi común pasar dun lado ao outro do Miño cunha barca. Nós, xunto con outras asociacións da zona, estamos intentando recuperala e tamén organizar unha festa relacionada con iso”.

A Asociación tamén se centra, como se pode comprobar a través das súas redes sociais, en recuperar as antigas lendas da zona que, segundo asegura Sabucedo, son moitas. “O problema das lendas é que son algo que se perde co tempo porque non se adoitaban documentar”. Por iso, desde Amigos do Patrimonio de Toén, dedican unha parte do seu traballo a divulgar e plasmar por escrito toda clase de lendas e historias da zona.

Por outra banda, explica, o vindeiro 17 de maio, para celebrar o Día das Letras Galegas, desde a asociación organizan unha andaina cultural entre Couxil e Toén, unha iniciativa que busca rescatar o tradicional camiño que realizaban ata finais do século XIX os habitantes de Couxil (Cartelle) para asistir aos actos relixiosos que tiñan lugar en Toén, que era nese momento a parroquia matriz. Un camiño que pasou a ser coñecido como “Camiño dos Mortos” e que agora volverá realizarse da man desta asociación.

⚙ Configurar cookies
0.1659951210022