Ana Pontón comprométese a poñer en marcha un plan para captar novas empresas e activar a economía en Ourense

OurenseXa
A portavoz nacional e candidata do BNG, Ana Pontón, encabezou o acto de presentación da candidatura do BNG en Ourense, encabezada por Noa Presas.
BNG_Ourense_Ana_Ponton_Noa_Presas
19 Xan 2024

A portavoz nacional e candidata do BNG, Ana Pontón, comprometeuse este venres a ser a presidenta do goberno “que cumpra con Ourense” e poña en marcha o seu “inmenso potencial” para colocar a esta provincia “no lugar que lle corresponde dentro de Galiza”. “Xa está ben de discriminación, é hora de revitalizar e de facer valer Ourense”, proclamou.

No acto de presentación da candidatura do BNG que encabeza Noa Presas, Pontón reivindicou “un trato xusto” con Ourense e amosou a súa determinación para acabar co “abandono e a incompetencia” que ten demostrado o PP nos últimos anos, creando unha Galiza mellor na que prime “a cohesión e o equilibrio territorial”. O seu propósito é quitar o freo que impide que Ourense despegue e poñer en funcionamento “un novo Ourense que aproveite todo o seu potencial”.

Convencida de que é necesario “acelerar o desenvolvemento desta parte do País”, subliñou que se os galegos e as galegas lle dan a confianza necesaria o próximo 18-F o seu goberno “estará á altura” e porá en marcha iniciativas para recuperar a actividade produtiva e reactivar a economía e o emprego en Ourense, apostando polo rural, a ciencia e a tecnoloxía e a mellora das infraestruturas.

Avanzou así o seu compromiso de crear unha mesa pola industria en Ourense co obxectivo de captar investimentos e crear novas empresas transformadoras que xeren máis valor engadido e postos de traballo en torno aos sectores produtivos da economía ourensá.

No que se refire ás infraestruturas, asumiu como un dos seus obxectivos completar as conexións dos polígonos industriais de San Cibrao e Pereiro coa A-52, así como ampliar o solo industrial na provincia e, en concreto, activar o Polígono de Tamagos, en Verín.

Dar a Ourense a sanidade pública que se merece será outra das prioridades dun goberno liderado polo BNG, “porque coa saúde das persoas non se xoga”, apuntou Pontón, que anunciou que unha das súas primeiras medidas á fronte da Xunta será aprobar nos primeiros cen días de mandato un plan de choque dotado con 200 millóns de euros para rescatar e reforzar a atención primaria “con máis persoal, máis medios e máis servizos”.

O plan que propón o BNG paliará os “recortes do PP” na sanidade pública e permitirá que  Xinzo e O Carballiño teñan o servizo de pediatría que reclaman as familias porque, dixo, “non pode haber nenos ou nenas de primeira e de segunda”. Un plan que fará, por exemplo, que os centros de saúde de Montederramo ou A Mezquita conten co persoal médico suficiente e Valdeorras e Verín dispoñan do servizo de ambulancias que precisan.

A portavoz nacional tamén avanzou algunhas das medidas do BNG para facilitar o acceso á vivenda, unha prioridade do executivo que aspira a presidir e un “dereito fundamental” que en Galiza, advertiu, “non se cumpre para unha parte moi importante da cidadanía”.

A súa proposta pasa, en primeiro termo, por desenvolver un Plan de Mobilización de vivenda baleira, mediante o que a Xunta compre vivenda e a poña a disposición dos galegos e as galegas en réxime de alugueiro, tendo en conta que nestes momentos hai 500.000 vivendas baleiras, das que 90.000 están concentradas nas grandes cidades.

En segundo lugar, e co mesmo obxectivo de mobilizar esta parte do parque residencial, Pontón avanzou tamén o impulso dunha lei para gravar cun imposto aos grandes tenedores como a banca, os fondos de investimento ou as grandes empresas que acumulan un volume moi importante de vivenda no País e que alcanza os 15.000 inmobles, segundo distintos estudos.

Esta nova taxa, que en ningún caso afectará aos propietarios particulares e que xa se aplica en distintos países europeos e noutros territorios do Estado, permitiría ademais obter 40 millóns de euros adicionais ao longo da lexislatura que o Goberno liderado polo BNG destinaría a recuperar as políticas públicas de vivenda “dinamitadas polo PP nos últimos 15 anos".

Por último, Pontón tamén comprometeu “máis recursos” para a construción de vivenda pública, consciente, iso si, de que é unha política pública “máis a longo prazo”. Neste sentido, avanzou unha modificación legal para blindar por lei que toda a vivenda pública que se vai construír no País se dedique ao alugueiro.

Pontón dirixiuse á cidadanía ourensá para pedirlles “a oportunidade de demostrar que co BNG no goberno podemos conseguir que Ourense avance cara un futuro mellor” tras corenta anos de democracia nos que Galiza tivo seis presidentes, todos homes e todos de forzas estais que deixaron un balance na provincia de menos poboación, menos emprego, menos rural e menos actividade económica. Incidiu en que “hai partido” e que o cambio é posible se a maioría social que quere facer historia abrindo un novo tempo no País se mobiliza e acude masivamente ás urnas o 18-F da man do Bloque, a “única forza en disposición de disputarlle a Presidencia da Xunta ao PP”.

Para poñer en marcha “máis oportunidades, benestar e futuro” o BNG concorre ás eleccións do 18-F cunha candidatura encabezada por Noa Presas, á que aludiu como “unha aposta segura” e unha “voz firme na defensa dos intereses de Ourense”.  Presas aporta a súa enerxía na defensa da provincia e a experiencia adquirida no Parlamento como “unha das persoas que máis ten aportado á política galega” durante os últimos anos. “Ningún tema importante para Ourense lle foi alleo, abordounos todo desde o rigor e aportando solucións”, subliñou Pontón.

A Noa Presas acompáñaa como número dous na lista Iago Tabarés, de quen  Pontón tamén destacou tamén o seu compromiso para construír “un Ourense mellor”, unha determinación que comparte con resto do membros da candidatura, á que se incorporan persoas “de enorme valía que aportan empuxe e forzas renovadas”, como Sonia Vidal, Secundino Fernández, Elena Añel ou, entre outros, Marcos Nogueiras.

Ourense será decisiva para o cambio

Noa Presas destacou a “oportunidade histórica para Galiza e, especialmente, para Ourense” se representa o 18-F e amosouse convencida de que “Ourense será unha praza decisiva” para que a partir dese día se abra un tempo novo, “cun proxecto de País -precisou- no que o equilibrio territorial e a cohesión son centrais e que lle vai dar a Ourese un trato digno e medidas específicas para saír adiante”.

“Para acabar coa discriminación de Ourense e para darlle un futuro xa se demostrou que non serven nin proxectos políticos importados que están pensados desde fóra da nosa realidade nin tampouco localismos estériles, que disfrazados de amor a Ourense só serven para alimentar intereses individuais”, afirmou. “No BNG saímos a por todas. A do 18F os ourensáns e as ourensás pasaremos de ser espectadores a protagonistas do cambio galego”, agregou.

0.21890616416931