A presidenta da Fundación Cum Laude, Ángeles Baliño: "Crómatica é o noso proxecto estrela"
Como cada ano desde 2009, Ourense acolle unha nova edición de 'Cromática', unha mostra na que os artistas novos poden dar a coñecer os seus traballos ao público e que está consolidada como una cita de referencia na cidade. O proxecto nace grazas ao traballo da Fundación Cum Laude, presidida por Ángeles Baliño, que explica como se creu proxecto.
Como nace a Fundación Cum Laude?
A Fundación nace en 2009 dun proxecto familiar. Nós eramos membros contribuíntes doutras ONG e outras fundacións. Nese ano decidimos levar a cabo o noso propio proxecto e creamos a Fundación Cum Laude. O propósito da nosa fundación é apoiar proxectos sociais, culturais e humanitarios.
Que tipo de proxectos levades a cabo?
Nós somos partidarios de apoiar proxectos que teñan un principio e un fin. Por exemplo, colaboramos cunha ONG local chamada ‘Cores de Camerún’ para construír unha cociña nun fogar de discapacitados en Bamenda. Tamén colaboramos cunha ONG chamada ‘Furgoneta Solidaria de Lugo a Guinea-Bisáu’, nese caso coa construción dun pozo de auga en aldea e unha depuradora de auga con enerxía solar. Ademais, coa mesma ONG, pagamos os estudos a unha rapaza de Guinea-Bisáu que puido facer unha licenciatura de Medicina. Colaboramos tamén con ‘Sonrisas de Bombay’ nun dos seus proxectos. En definitiva, colaboramos en diversos proxectos humanitarios. Sempre que nos piden colaboración neste sentido facémolo.
E no panorama cultural?
A nosa labor máis importante en Ourense ten que ver cos proxectos culturais, e ‘Crómatica’ é, sen dúbida, o noso proxecto estrela. A primeira edición celebrámola en 2010, e este ano cumprimos xa oito edicións. O propósito é dar a oportunidade a artistas novos de presentar a súa obra ao público e darse a coñecer.
Como axuda ‘Cromática’ a estos artistas?
Ademáis de dar a coñecer a obra destes artistas, ‘Cromática’ ten tres premios: o do xurado, dotado con 1.000 euros, o do público, dotado con 400 euros e, como novidade, este ano haberá un terceiro premio que consistirá nun accésit dedicado a un artista ourensán falecido de forma repentina, Jaime Mateo. A súa familia fixo unha doazón á fundación e nós decidimos que ese diñeiro fose para un accésit dado polo xurado a un dos artistas que participan en cromática.
Como nace esta idea?
A primeira edición de cromática fíxose na sede do Ateneo, no ano 2010. Naquel momento, o Ateneo tiña unha sala de exposicións que sempre estaba moi demandada, así que decidimos que aquel espazo podería ser un bo lugar para presentar os traballos de xente nova, de xente que non tiña acceso habitualmente a unha sala de arte. A participación foi tan masiva e a calidade dos traballos presentados foi tan alta que seguimos coa idea ata hoxe.
Cantos artistas participan nesta edición?
Nesta edición participan 35 artistas tanto locais como internacionais. Temos un artista chinés, outra italiana, un brasileiro, unha alemá. Sempre foi un concurso internacional. Por ela pasaron artistas portugueses, venezolanos, cubanos, franceses…sempre foi unha cita internacional, o cal nos satisfai moito. De feito, hai artistas que repiten, como é o caso do gañador do premio do xurado do ano pasado, Davide Lionetti, que volve expoñer a súa obra nesta edición, aínda que non participa no concurso porque pasábase de idade. Con todo, pediu que recibísemos a súa obra e así o fixemos. Non concursa pero si ten a oportunidade de expoñer.
En que se diferencia ‘Cromática’ doutros concursos de arte?
Este concurso ten varias características que o diferencian dos demais. Por unha banda, non hai unha selección previa da obra, senón que é o artista o que elixe que obra presenta. Ademais, nós non quedamos coa obra, todas devólvense aos seus autores, o que nos diferencia doutros concursos.
Levades a cabo máis proxectos culturais en Ourense?
Si, outro proxecto cultural que facemos é ‘Mirar el arte’, que consiste nunha serie de conferencias sobre o mundo da arte e que se desenvolven durante todo o ano no Centro Cultural José Ángel Valente.
Ademais, en Ourense tamén levamos a cabo a humanización dun cento médico, o policínico Sáez Díaz, onde facemos exposicións de pintura e fotografía. Ademáis, en Pereiro de Aguiar levamos a cabo outro proxecto moi interesante. Temos un bosque, chamado ‘Bosque da lembranza’ onde xuntamos arte e natureza, e que nun principio está pensado para que as persoas poidan depositar alí as cinzas dos seus seres queridos ao pé dunha árbore. É un proxecto co que levamos moitos anos e no que seguimos traballando pouco a pouco.