Aodemper e o Centro de Desenvolvemento Rural do Viso poñen en marcha o programa "Coñecendo as Emocións"

A Asociación ourensá de esclerose múltiple, párkinson e enfermidades raras (AODEMPER) e o Centro de Desenvolvemento Rural O Viso de Xinzo de Limia son dúas das nove entidades sociais que desenvolveron entre outubro de 2024 e xaneiro de 2025 o programa de Afundación "Coñecendo as emocións", con 136 persoas usuarias das súas organizacións, en 14 localidades galegas. A iniciativa levouse por primeira vez fóra dos Espazos+60 Afundación tras ser testada, validada e implementada en tres edicións sucesivas nas que participaron 255 persoas de distintas localidades galegas, tanto rurais como urbanas. Codeseñado con persoas maiores, os resultados obtidos na investigación realizada por Afundación e Matia Instituto evidencian que o programa permite a mellora do benestar e a adquisición de competencias emocionais das persoas participantes.
Desde o Centro de Desenvolvemento Rural de O Viso, que desenvolveu o programa con 9 persoas en Xinzo de Limia, subliñan a importancia de realizalo nunha contorna rural. En palabras da súa psicóloga facilitadora, Estela Villarino, "recoñecer cales son as emocións básicas e aprendidas e non rexeitar o medo, a tristeza ou o orgullo, ou saber que a alegría non é permanente e que saboreala pode chegar a ser un gran don, e descubrilo con cada unha das persoas do grupo foi emocionante, fermoso e desafiante. Un dos proxectos máis gratificantes para min, tanto a nivel profesional como persoal.".
Pola súa banda, Fernanda Patiño, destaca como psicóloga facilitadora da Asociación ourensá de esclerose múltiple, párkinson e enfermidades raras (AODEMPER), onde contaron con 10 persoas, que "é moi gratificante facilitar o coñecemento das emocións, sendo partícipe da reacción de sorpresa que xera e a satisfacción das persoas participantes ao aplicar o aprendido na súa vida".
Un impacto positivo que destacan as persoas usuarias destas dúas entidades que participaron no programa, que o ven como unha nova aprendizaxe, un descubrimento que permite descubrir outro xeito de percibir e xestionar as emocións. Como afirma unha das usuarias, "unha experiencia moi interesante para coñecerse a unha mesma".
Tras estas experiencias, o próximo outono sumaranse novas entidades ao programa e en xaneiro de 2026 desenvolverase a segunda fase do proxecto, "Profundizando as emocións", xa implantada nos Espazos+60 Afundación. Esta proposta ten como obxectivo traballar emocións máis complexas como a soidade, a ansiedade ou a culpa a partir de situacións cotiás, buscar estratexias funcionais para abordalas e reflexionar sobre como mellorar as interaccións con persoas achegadas.
Adquirir competencias emocionais, tamén despois de cumprir máis de 60 anos, é unha ferramenta de extraordinaria utilidade para a mellora do benestar. Así se desprende da investigación dos resultados do proxecto "Coñecendo as emocións", de Afundación, desenvolvido en colaboración con Matia, instituto xerontolóxico de referencia en España na materia e con máis de 20 anos de traxectoria. Tras compartir estas conclusións con distintas entidades ás que se invitou a participar no programa, desenvólvese agora unha nova etapa que permitirá estender os seus beneficios ás persoas usuarias das organizacións participantes.
En palabras da coordinadora da Área de Maiores de Afundación, Sabela Couceiro, "o que procuramos na Obra Social de ABANCA é, tras este percorrido realizado, compartir aprendizaxes con outras entidades e xerar unha rede en Galicia de axentes sociais do ámbito do envellecemento activo e saudable con interese en traballar a mellora do benestar emocional das persoas a medida que envellecemos".