Aprobado o proxecto da Rolda Leste de Ourense
A Xunta inicia o trámite de información pública a efectos da Lei de Estradas e expropiatorios do proxecto de trazado do treito Bemposta – N-525, que pechará a circunvalación polo sur conectando coa A-52 cun investimento de 9,8 millóns de euros.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou hoxe na presentación deste proxecto.
Co inicio deste trámite de información pública do citado treito, conocido como ronda este, os interesados poderán formular alegacións ao proxecto ata o 7 de agosto de 2024.
Martínez Allegue avanzou que unha vez aprobado o trazado convocaranse os actos expropiatorios, pecharase o proxecto construtivo e poderase proceder a licitar a obra. Segundo esta planificación, apuntou que se prevén iniciar en 2026 os traballos, que terán un prazo de execución de dous anos.
Trátase do treito entre a estrada OU-105 en Bemposta ata a N-525 e completará a circunvalación polo sur conectando coa A-52. Neste sentido, a conselleira subliñou a importancia desta intervención para os concellos de Ourense e San Cibrao das Viñas.
Fixo fincapé en que esta actuación reducirá o tempo de viaxe, cun importante acurtamento na distancia de percorrido ata a autovía A-52, pasando de 7 minutos e 4,6 km que son necesarios a día de hoxe entre Bemposta e a N-525 a pouco máis de 1 minuto e 1,7 km de lonxitude.
Remarcou tamén o reforzo da seguridade viaria que suporá esta intervención, cunha aposta pola calidade de vida dos veciños ao sacar tráfico do centro de Ourense, desconxestionando o tránsito de rúas como Marcelo Macías ou a Avenida de Zamora.
Características técnicas
No que se refire ás características técnicas, explicou que se prolongará a estrada OU-510, que une a OU-536 no Ceboliño coa OU-105 en Bemposta, para conectala coa N-525 e coa A-52, completando un viario de circunvalación perimetral da cidade de Ourense de acordo coa previsto no Plan Sectorial Viario de Ourense e a súa contorna.
A intervención iníciase na glorieta na que conflúen as estradas autonómicas OU-105 e OU-510 e finaliza no enlace da N-525 e o ramal de acceso á A-52.
Sinalou que este treito terá unha lonxitude de 1,55 km e contémplase unha velocidade de proxecto de 80 km/h.
O treito que se construirá, entre os puntos quilométricos 0+000 e 1+550, contará con dous carrís, un carril por cada sentido, de 3,5 metros cada un, e beiravías de 1,50 metros. Nas zonas de maior pendente haberá un carril adicional
Este trazado, nese quilómetro e medio, precisa de tres importantes estruturas: un falso túnel de aproximadamente 55 metros de lonxitude xusto onde pasa a liña de ADIF; un viaduto de 95 metros de lonxitude sobre o Río Barbaña; e un paso superior que xa cara o final do trazado salva o acceso existente á EDAR San Cibrao.
A conselleira indicou que estas tres estruturas amosan a complexidade do trazado, polo que houbo que realizar adaptacións para buscar a mellor solución. Así, por exemplo, remodelouse o deseño do enlace da N-525, unha solución consensuada co Ministerio de Transportes.
Lembrou este vial xa viña previsto no Plan Sectorial da Rede Viaria de Ourense e repasou os pasos dados en canto á tramitación, dende a avaliación de impacto ambiental en 2020 ata as modificacións no trazado en coordinación do Ministerio de Transportes, debido ás necesidades estruturais para este treito.