APSOU conmemora o seu 50 aniversario

OurenseXa
A Asociación de Persoas Xordas de Ourense atende na provincia ao redor de 3.000 persoas
apsou
Membros de APSOU
29 Xuño 2024

A Asociación de Persoas Xordas de Ourense (APSOU) conmemora este sábado, 29 de xuño, o seu 50 aniversario.

Con motivo deste día, a asociación organiza un acto as 12.00 horas no Balneario Laias Caldaria e que contará coa presenza de diversas autoridades.

Ademais, pola noite, a Ponte Romana de Ourense e o Pazo Provincial da Deputación iluminaranse para conmemorar o aniversario de APSOU.

APSOU nacía fai cincuenta anos da man dun grupo de persoas xordas decidiron unir as súas forzas e fundar a Asociación, nunha época na que as persoas xordas enfrontaban enormes desafíos debido á falta de acceso a información, intérpretes, tecnoloxía e outros recursos que lles permitisen participar plenamente na sociedade.

Desde os seus inicios, a asociación estivo en constante movemento, loitando incansablemente para lograr a accesibilidade en todos os aspectos da vida das persoas xordas. Esta loita continúa ata o día de hoxe, e a asociación segue traballando arduamente para garantir que as persoas xordas poidan gozar dos mesmos dereitos e oportunidades que o resto da sociedade, asegura o presidente de APSOU.

A pesar dos importantes avances que se veñen realizando nos últimos anos de cara á inclusión das persoas xordas, aínda existen numerosos desafíos e barreiras que debemos superar para garantir unha verdadeira igualdade de oportunidades para as persoas xordas en todos os aspectos da vida.

Por iso APSOU traballa día a día  na protección e promoción da lingua e cultura xorda da man de profesionais especializados para ofrecer unha ampla gama de servizos destinados ás persoas xordas da provincia de Ourense. Estes servizos abarcan áreas vitais como educación, emprego, acceso á información e participación na vida social e comunitaria.

APSOU atende na provincia de Ourense ao redor de 3.000 persoas xordas de diversos tipos, co obxectivo de garantir que poidan gozar dunha vida plena e satisfactoria, respectando a súa identidade e promovendo a súa inclusión en todos os aspectos da sociedade

 

0.19839906692505