Arranca a Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense
Ourense acolle a vixésimo novena Mostra Internacional de Teatro Universitario, que se extenderá desde este xoves, 11 de abril, ata o 9 de maio, e que abarcará un amplo abano de actividades culturais.
Nesta ocasión, haberá 23 espectáculos e estará por primeira vez Mozambique na MITEU, xunto a grupos de Colombia, Portugal e importante representación de España (Castela León, Navarra, Madrid, Estremadura e Galicia (A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Vigo, Pontevedra e Ourense). A provincia ourensá estará representada por cinco grupos de Teatro.
A música volverá a ter unha forte presenza na programación coa presentación do novo disco de Budiño -presente na presentación- e coas actuacións de Factoría de Subsistencia, The Tetas Van e O Sonoro Maxín.
Os espectáculos teatrais desta edición correrán a cargo de 14 grupos de teatro universitario e de 9 grupos convidados de teatro profesional. Haberá tamén espazo para danza e para un obradoiro de expresión do clown que será impartido por Carlos Sante.
Pola súa banda, o premio da 29 MITEU, que se entregará na clausura o 9 de maio, será o Cine Clube Padre Feijoo polo seu “labor fundamental a prol da cultura desta cidade", sinalan dende a organización.
A MITEU arranca hoxe no Teatro Principal de Ourense coa obra Tomás, cuando el silencio es complicidad, da compañía colombiana "Sin Mente Teatro". A cita terá lugar ás 20.00 horas da tarde. A pesa está escrita por Edna Rocío León e dirixida por Germán Frasio.
Sinopse
O sentimento de culpa é un verme que corroe a vida de “Ela”. Foi testemuña de un escuro episodio na infancia do seu amigo Tomás, converténdose no escudo que amortiguou os traumas. O seu silencio é unha condena que a fixo cómplice e o seu presente faise pesaroso polas lembranzas que a atormentan. A través da linguaxe corporal, actoral, visual, musical e do manexo do títere, esta obra brinda á espectadora/espectador unha posta en escena cargada de imaxes e sensacións que transitan entre alegrías e mágoas.