Arredor dun milleiro de persoas participaron no Gran Desfile de Entroido de Barbadás

Preto dun milleiro de persoas participaron esta tarde no Gran Desfile de Entroido de Barbadás, que percorreu as rúas da Valenzá. Un total de 32 comparsas tomaron parte nunha das citas máis agardadas do Entroido pola veciñanza, enchendo a localidade de cor, música e ambiente festivo.
Tras o desfile, o xurado, presidido polo concelleiro de Cultura, José Manuel Morgade, e composto por cinco persoas vencelladas ao ámbito cultural e asociativo do municipio, deu a coñecer o seu veredicto.
Na categoría de comparsas de 10 ou menos participantes, o primeiro premio, dotado con 550 euros, foi para Fórmula 1, mentres que o segundo premio, de 450 euros, recaeu en Chapa-Chips Os Dragóns da Ribeira Sacra.
Na categoría de comparsas de máis de 10 participantes, o primeiro premio, de 1.100 euros, foi para Poker Premium Monterrey e Pereiro. O segundo premio (800 euros) foi para La Tómbola Antoñitos; o terceiro (700 euros), para O Enxame da Auria; o cuarto (500 euros), para E Chegou o Nadal a Finca Fierro Antes que a Vigo; o quinto (450 euros), para Trump Non Movas os Marcos; o sexto (350 euros), para Vikifarras das Lamas; o sétimo (300 euros), para Denominación Orixe A Parada; e o oitavo (250 euros), para Os Rexoubeiros-Aladín.
Ademais, concedéronse dous galardóns especiais para comparsas non premiadas: o premio especial de deseño (250 euros) foi para Perfectamente Imperfecto e o premio especial de animación (250 euros) para Movete Entre Medusas.
Por outra banda, tamén se entregaron os premios aos mellores mecos, elixidos por votación popular nas últimas semanas. O primeiro premio (300 euros) foi para a Asociación de Veciños San Martín de Loiro; o segundo (200 euros), para a Asociación de Veciños San Bieito de Bentraces; e o terceiro (100 euros), para a Comunidade de Veciños Os Carrís.