As mulleres de Ourense cobran de media un 11.87% menos
Con motivo do día da Igualdade Salarial que se conmemora hoxe día 22 de febreiro, o sindicato CCOO denuncia a situación sociolaboral das mulleres galegas e ourensáns.
Segundo a análise do sindicado, a situación reflecte unha vez máis que, malia os indiscutibles avances en materia de igualdade, a fenda de xénero segue existindo.
- O tempo parcial é unha das principais explicacións: as mulleres traballan moito máis habitualmente a tempo parcial, coa conseguinte minguade salario.
- O teito de cristal (barreira invisible baseada nos estereotipos sobre liderado): os salarios son maiores nos postos de dirección e xerencia e, polo de agora, para as mulleres resulta máis complicado acceder a eles.
- O sector de actividade: as profesións «feminizadas» pertencen adoito aos sectores peor remunerados.
- A asunción da responsabilidade principal sobre os coidados do fogar e da familia.
Segundo os últimos datos do IGE (ano 2022), a diferenza media de salario entre homes e mulleres é de 2.561 euros. As mulleres en Ourense cobran de media 19.041 euros fronte aos 21.602 euros de media dos homes, un 11.87% menos.
Se facemos a análise por sectores, atopámonos con sectores como a industria, entidades financeiras e tics, onde a fenda salarial é de 9.147 euros ao ano, un dato que o sindicato califica de "auténtica barbaridade".
Dende CCOO advirten de que para eliminar a desigualdade salarial de xénero é necesario adoptar medidas de corresponsabilidade é ir directamente ao problema da desigualdade. Se a facemos efectiva, estaremos intervindo no alcance estrutural do problema; por iso é imprescindible fomentar a corresponsabilidade no coidado como unha solución estrutural para acabar coa fenda salarial. Porén, tamén se requiren outras medidas. Entre elas destaca, por suposto,a coeducación transversal e desde a infancia. Tamén a implantación dunha rede de servizos públicos de calidade e accesibles para toda a cidadanía: centros de saúde, gardarías, colexios, residencias, centros de día, así como un cambio de paradigma no propio mercado laboral que incorpore de xeito intrínseco medidas de corresponsabilidade.