As socialistas de Ourense organizan unha función teatral para celebrar o Día de Rosalía

Con motivo do Día de Rosalía de Castro, as socialistas de Ourense organizan este venres, 27 de febreiro, ás 19.00 horas na Biblioteca Nós, a intervención teatral ‘Sempre Rosalía’, en colaboración coa compañía Producións Dispersas.
O espectáculo, pensado para todos os públicos, aborda a figura de Rosalía desde unha perspectiva contemporánea, afastándose dos estereotipos e da imaxe edulcorada que durante anos se vinculou coa autora. A proposta presenta unha Rosalía viva, intelixente, combativa e chea de ironía.
No escenario, a actriz Ana Ponte, caracterizada como Rosalía de Castro, e o actor Diego Freire, no papel dun dos seus biógrafos, establecen un diálogo teatralizado no que a palabra poética convive co humor e coa reflexión crítica, achegando a obra e o pensamento da autora á cidadanía dun xeito accesible e actual.
As socialistas de Ourense destacan que “reivindicar a Rosalía é tamén reivindicar unha cultura galega crítica, moderna e con voz propia, e celebrar que unha muller ocupe ese lugar central na nosa historia cultural, malia todas as dificultades que tivo que superar”.
O acto terá lugar este venres, 27 de febreiro, ás 19.00 horas na Biblioteca Nós, con entrada libre ata completar aforo, e forma parte do compromiso das socialistas de Ourense cunha programación cultural pública, de calidade e con perspectiva de xénero.