As Tertulias Literarias regresan a Ourense para fomentar a lectura entre os máis novos

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu esta mañá a presentación dunha nova edición das Tertulias Literarias organizadas pola Deputación e o Concello de Ourense, un programa educativo cuxo obxectivo é fomentar a lectura comprensiva e crítica entre os máis novos a través da promoción da lectura como eixe básico da programación de actividades educativas, con programas como a campaña de animación a lectura e a realización de debates organizados.
O ciclo, que recibirán a máis de 300 escolares e a unha trintena de profesores da provincia, celebraranse no Liceo de Ourense e comezarán con alumnos de ESO e Bacharelato, cunha primeira fase de tertulia de galego.
Do 31 de marzo ao 3 de abril
As datas destas primeiras tertulias serán o 31 de marzo, o 2 e o 3 de abril, a partir das 16.30 horas no Liceo de Ourense. En concreto, serán 313 escolares e 32 profesores -da cidade e doutros centros- os que porán en común experiencias e ideas entorno ao libro “Indolente”, de Alberto Mancebo.
Para poder realizar este acto, un grupo de traballo, formado por 32 profesores dos centros participantes, xunto coa coordinadora do programa Tertulias Literarias, mantiveron varias reunións previas, ademais de traballo de aula cos alumnos.
Neste ciclo, tamén se contará ca presenza da escritor o día 3 de abril, ás 18.00 horas, no Salón Nobre do Liceo. A segunda fase será a Tertulia de castelán, previsiblemente no mes de maio.
A Deputación destaca a lectura como “gran compañeira para os máis novos”
O vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández, destacou o fomento da lectura como “gran compañeira para os máis novos” durante a presentación do ciclo de Tertulias Literarias de 2025, actividade organizada pola Deputación de Ourense xunto ao Concello da capital. A edil de Educación, Tamara Silva, tamén participou no acto celebrado esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel.
César Fernández puxo en valor o obxectivo da “aprendizaxe da reflexión” no proceso de lectura, así como a oportunidade de “esquecernos da instantaneidade” con este hábito.
Pola súa banda, a concelleira Tamara Silva, subliñou o “éxito de promoción de lectura” que xera esta actividade, impulsada xa en 2015.