As Xornadas de Enfermería regresaron a Ourense cun gran éxito de participación

OurenseXa
Máis de 300 profesionais reunírons no Edificio Politécnico do Campus de Ourense, nun encontro que conmemora o día da enfermería e visibiliza a súa capacidade investigadora
xornadas-de-enfermeria-ourense
16 May 2025

As XIV Xornadas de Enfermaría da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, as primeiras post-pandemia, pecháronse na tarde deste xoves con gran éxito de convocatoria e participación, máis de 300 profesionais reunidas no Edificio Politécnico do Campus de Ourense, nun encontro científico que conmemora o día da enfermería e que nesta edición destacou pola súa calidade e diversidade profesional representada.

O Comité Científico das Xornadas avaliou un total de 50 traballos presentados: 35 en formato póster e 15 comunicacións orais, confirmando así o gran interese por compartir coñecemento e experiencias no ámbito sanitario. A participación foi notablemente multidisciplinar, con achegas de enfermeiras, persoal técnico de coidados auxiliares de enfermería (TCAE), terapeutas ocupacionais, técnicos superiores, fisioterapeutas, nutricionistas, hixienistas dentais e enfermeiras especialistas.

As Xornadas foron inauguradas esta mañá por Luis Menor Pérez, presidente da Deputación Provincial de Ourense; Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicereitor do Campus de Ourense; Josefa Rodríguez Araujo, directora de Enfermería da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras; Eloy Sánchez Hernández, director Asistencial da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, e Laura López del Castillo, directora territorial de Sanidade en Ourense.

A directora de enfermería destacou nas súa intervención que “a investigación en enfermería non é só unha ferramenta para mellorar a nosa práctica diaria; é unha mostra clara da nosa vocación, da nosa capacidade crítica e do noso desexo de ofrecer sempre os mellores coidados posibles” e felicotou o esforzo dos comités organizador e científico para recuperar esta iniciativa que se adiou coa pandemia.

Pola súa parte o director asistencia, Eloy Sánchez, destacou que a investigación en enfermería fortalece a práctica diaria e transforma os sistemas de saúde, e sobre todo “mellora a calidade de vida dos nosos pacientes e eleva a voz da vosa profesión nos ámbitos científicos e académicos” dixo.

Premios da XIV edición

Unha vez realizada a avaliación dos traballos presentados, o Comité Científico acordou conceder os seguintes premios no apartado de Comunicacións Orais: 1.º Premio, dotado con 300 euros, ao traballo: “Estrés laboral nas enfermeiras do bloque cirúrxico do Hospital Universitario de Ourense” das enfermeiras do bloque cirúrxico do Hospital Universitario de Ourense: Laura Rivero González, Sonsoles Rivero Conde, Alba Alonso González, Manuel Eladio Atrio Padrón.

Este traballo aborda unha realidade común no ámbito laboral: o estrés. Neste caso das profesionais de enfermaría dos bloques cirúrxicos. A través dun estudo observacional de 61 profesionais que exercen nesta área do H.U. de Ourense analizouse o nivel de estrés e os factores que máis inflúen na súa aparición.

Os resultados do traballo indican unha prevalencia de estrés baixo-moderado, máis acentuado entre o persoal máis novo e con menos experiencia. Entre os principais axentes estresores os autores destacan a carga de traballo, a morte e o sufrimento dos pacientes , así como a incerteza nas situacións críticas. O estudo pon o foco na necesidade de implementar medidas de apoio e formación específicas, para o persoal de enfermaría en áreas de alta complexidade como os quirófanos.

O segundo premio, dotado con 250 euros, foi para o traballo “A pílula máxica: alimentación e exercicio. Camiñamos xuntas” das profesionais do Centro de Saúde de O Couto María Piñón Vila, Camila Fraga González, M.ª Belén Fernández Mosquera e Noemí Blanco Alonso. O terceiro premio, dotado con 200 euros, ao traballo: “¡Que pasa BRO-coli! Alimentando un futuro saudable” tamén da nutricionista de Atención Primaria, Alba García Cid.

En ambos casos os traballos recollen iniciativas de saúde comunitaria de éxito, ambas centradas na alimentación saudable, dunha banda dos adolescentes de 1º e 2º da ESO, no caso de Bro...coli, e dos adultos no do Couto, que combina andainas con camiñatas e sesións de musicoterapia e logrou unir e poñer en marcha a un heteroxeneo grupo de usuarios que, xuntos, lograron reducir o seu peso e gañar en hábitos saudables e benestar emocional, xerando redes de apoio e comunidade.

Por último, o premio ao mellor póster, dotado con 200 euros, foi para o traballo “Hábitos vs coñecementos respecto ao cepillado dental” das hixienistas dentais de Atención Primaria Lorena Quintas Fírvida, Yolanda Fernández, María Jesús Pereira e María Asunción Pérez. Os resultados recollen parte dos coñecementos adquiridos a través da posta en marcha do proxecto de saúde comunitaria infantil “Mira que Boca”, que xa recolleu un premio nacional, e que leva a estas profesionais por todos os colexios da provincia para mellorar o seu coñecemento e hábitos de hixiene bucodental.

⚙ Configurar cookies
0.097543001174927