ATEGAL lanza unha app con recursos e actividades para persoas maiores en Ourense

OurenseXa
Con esta iniciativa, a asociación busca ofrecer un espazo dixital para maiores de 55 anos onde consultar actividades ocupacionais, culturais e de lecer, ademais doutros recursos útiles e información de interese
Uso móvil xenérica
30 Dec 2025

A Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos (ATEGAL), entidade sen ánimo de lucro que se dedica a fomentar o envellecemento activo e a formación continua de persoas adultas a través de programas educativos, culturais e sociais, presentou unha nova aplicación móbil destinada a persoas maiores de 55 anos en Ourense. Esta app ofrece un espazo dixital onde consultar actividades ocupacionais, culturais e de lecer, ademais doutros recursos útiles e información de interese.

A aplicación, xa dispoñible para dispositivos IOS e que mañá estará tamén en Android, permite aos usuarios filtrar as actividades por data, cidade ou tipo (cultural, ocupacional, saúde e lecer). Ademais de Ourense, a app cobre outras localidades galegas onde ATEGAL ten presenza, como A Coruña, Ferrol, Lalín, Monterroso, Santiago, Padrón e Vigo.

A ferramenta inclúe información detallada de cada actividade xunto co contacto da entidade organizadora, facilitando así a comunicación e resolución de dúbidas. Tamén recolle unha lista de entidades e organismos de interese para as persoas maiores, como universidades de maiores e asociacións sociais e culturais, con descricións e datos de contacto.

A iniciativa está financiada pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e busca ser un recurso integral para as persoas maiores, promovendo a súa participación social e ofrecendo información nun único lugar de fácil acceso.

⚙ Configurar cookies
0.081560134887695