Avanzan as obras de rehabilitación integral do Xardín do Posío entre as críticas por parte dos veciños

OurenseXa
O Concello asegura que mellorarase a masa vexetal coa plantación de máis de 50 árbores e 5.000 prantas ante as protestas dos veciños pola tala de árbores
Xardín do Posío, Ourense
2 May 2025

O Concello de Ourense asegura que mellorará a masa vexetal do Xardín do Posío coa plantación de máis de 50 novas unidades de árbores e de 5.000 plantas. Este é un dos obxectivos do proxecto de rehabilitación integral que está a executar o Concello na actualidade para poñer en valor este espazo emblámatico da cidade, cun orzamento de case 2,6 millóns de euros.

O Concello emitiu un comunicado tras unha protesta veciñal pola tala de árbores neste espazo emblemático da cidade, pero o Concello xustifica que a eliminación de estes 8 exemplares faise “ben por seren improcedentes ou ben porque se atopan en mal estado”. Así, detalla o goberno municipal que “nesta reconfiguración do Posío suprimiranse 6 Chopos (Populus Nigra Itálica) e 2 Plátanos (Platanus Hispanica) que, ademais de atoparse en mal estado, irrecuperable, nunca deberon plantarse no Xardín do Posío, xa que interfiren con especies autóctonas e/ou catalogadas de alto valor patrimonial vexetativo. Ademais, un dos plátanos está en risco de caída, o que representa un perigo para a cidadanía”, advirten.

No caso dos chopos, explica o goberno local que “non teñen función ningunha no que debera ser un gran Xardín do Posío, que non é unha Alameda (con álamos ou con frecuencia chopos) nin un parque”. Engaden que “ademais dos problemas alérxicos xerados, os chopos do Xardín do Posío interfirían e eran un peligro para os magnolios, xa que a aberrante plantación, realizada hai décadas, fíxose a menos de 3 metros, non os 15 recomendados”.

O proxecto de rehabilitación foi elaborado en diálogo coas diferentes administracións para velar pola calidade tanto patrimonial como medioambiental das intervencións que se están a executar.

O goberno municipal, explican, enmarca esta actuación no Xardín do Posío no seu obxectivo de aumentar a masa arbórea e vexetal na cidade e advirte que “desde logo, non imos facer co Posío o que outro goberno local fixo co Parque das Mercedes, enchelo de pedra nunha auténtica aberración medioambiental”.

Subliña que nos últimos 12 meses, repuxo máis de 400 árbores que faltaban na cidade: “un récord local en plantacións”, ademais de ser “pioneiro, demandándolle á Xunta e ao estado español a plantación de 10.000 exemplares, idea que a Xunta tomou e, aínda que timidamente de forma parcial, empezará a acometer co Concello este verán”.

“Se no Concello de Ourense decidimos cortar un árbol, e desde logo que se van cortar, é por un ben común maior, porque se atopa en mal estado, porque se substituirá por outro máis procedente, porque é daniño etc.”, aseguran

⚙ Configurar cookies
0.16303896903992