Barbadás impulsa unha iniciativa para fomentar o deporte e a aprendizaxe de idiomas de forma combinada

O Concello de Barbadás puxo en marcha un proxecto destinado a fomentar tanto a actividade deportiva como a aprendizaxe de linguas estranxeiras entre os máis novos. A proposta está dirixida aos preto de 400 nenos e nenas que participan nas escolas deportivas municipais, que poderán beneficiarse de matrícula gratuíta e dun 10 % de desconto na mensualidade na primeira academia colaboradora do programa, Intensive Learning.
“O afán do Concello é potenciar non só o deporte, senón tamén a educación entre a nosa xuventude, queremos que os nenos e nenas das escolas deportivas potencien o coñecemento de linguas estranxeiras como o inglés”, sinalou Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás, animando ás familias a sumarse á iniciativa.
Lois Babarro, director de Intensive Learning, destacou a importancia da colaboración co Concello: “Só houbo facilidades desde o primeiro día que instalamos a empresa neste concello. Creemos que xuntar deporte e educación é moi importante”.
O convenio de colaboración para poñer en marcha o proxecto asinouse a semana pasada e desde o goberno local agardan que a iniciativa teña boa acollida entre as familias e anuncian que outras academias de idiomas do municipio están invitadas a sumarse, ampliando así esta fórmula educativa que une deporte e formación.