Barbadás ten unha cita gastronómica esta semana co VIII Concurso de Pinchos “Barbadás a Bocados”

OurenseXa
Máis de dez establecementos participan nesta edición, que terá lugar os días 12 e 13 de setembro
presentacion-barbadas-a-bocados
Presentación do VIII Concurso de Pinchos “Barbadás a Bocados”
9 Sep 2025

O VIII Concurso de Pinchos “Barbadás a Bocados” regresa esta fin de semana con máis dunha decena de establecementos participantes que converterán ao municipio e epicentro gastronómico os días 12 e 13 de setembro.

O concurso foi presentado oficialmente na tarde de onte no café bar Tarona da Valenzá nun acto que contou coa presenza do alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, e a concelleira de Comercio, Marga Pérez, que fixeron un chamamento á cidadanía a participar nesta cita e desfrutar das actividades previas.

Durante dúas xornadas, veciños e visitantes poderán gozar dunha ruta gastronómica polos establecementos participantes, degustando propostas orixinais que competirán por alzarse co recoñecemento do xurado e do público. A organización prevé, ademais, un sorteo de agasallos entre os asistentes que completen o percorrido polos locais.

Entre os bares e restaurantes que se suman a esta oitava edición figuran O Chicote, A Cova do Savio, Pizzería Estilo, Wakaouren, Os Faroles, Oren Express, Tapería A Bodeguiña, Alento, Alecrín, Cacho Pizza e Tarona, que presentarán pinchos creativos elaborados con produtos de calidade.

O evento, promovido pola Concellería de Comercio do Concello de Barbadás, conta coa colaboración de Estrella Galicia, Coren e outras entidades, consolidándose como unha das citas gastronómicas máis esperadas do calendario local.

⚙ Configurar cookies
0.16272401809692