Bieito Ledo recibe o premio 'Celanova, Casa dos Poetas'
Como cada ano, a principios de setembro, Celanova lembra aos seus ilustres escritores co premio 'Celanova, Casa dos Poetas', que este domingo 1 de setembro celebrou a súa edición número 40 recoñecendo a figura do editor Bieito Ledo.
Os actos arrancaron cunha ofrenda floral diante do monumento a Celso Emiliocon motivo do seu 45 cabodano e contaron coa actuación da Banda de Gaitas de Celanova e o grupo de teatro Solpor.
A Fundación Curros Enríquez acordou entregar este galardón a Bieito Ledo "pola súa contribución á Cultura Galega desde o ámbito da Xestión Cultural, da edición e da promoción e organización de propostas que procuraron sempre o afondamento nas nosas raíces dende a súa aldea de Padroso (Xunqaueira de Ambía)".
"Bieto Ledo é un ourensán universal que en todos os ámbitos onde lle tocou estar ó longo da súa traxectoria persoal e profesional ten traballado traballou activa e incansablemente a prol da cultura e da convivencia", sinalan desde a organización, e engaden que "neste ano, corenta e seis despois da creación dos Premios da Crítica Galicia na cidade de Vigo, compre recoñecer o seu aporte á vitalidade cultural do pobo ó que ten servido cunha mirada especial sempre á provincia de Ourense e a tantos e tantos ourensáns que o teñen acompañado na xeira da elevación do facer cultural do noso pobo".
Para a Fundación Curros Enríquez é especialmente destacable o seu aporte ao mundo editorial e ao saber cultural e científico do país, non só por medio do legado enciclopédico en forma de libros e outras moitas publicacións depositadas hoxe en ducias de milleiros de fogares galegos e non galegos, saídas da editorial Ir Indo, da que nos permitimos poñer como exemplo a excelente obra sobre o río Arnoia con imaxes do fotógrafo Plácido Rodríguez e textos de dous patróns da Fundación como son Xosé Benito Reza e Xosé Luis Méndez Ferrín.
Un traballo editorial, este, que acadou o seu cénit editorial coa publicación no ano 1999 da coñecida “EGU”, é dicir, a “Enciclopedia Galega Universal, que conta con 16 tomos nos que se recollen arredor de 200.000 entradas e máis de 30.000 ilustracións, que dende o ano 2008 pode ser consultada na Rede, constituíndo unha xanela única a través da cal consultar a historia universal dende unha interpretación galega do mundo.