Carmen Blanco: “O Club Ximnasia Pavillón atópase nun bo momento a pesar da carencia de instalacións axeitadas”

Por Raquel Pérez
O Club Ximnasia Pavillón consolidouse como un referente neste deporte, non só na provincia de Ourense, senón tamén a nivel autonómico, adestrando a miles de nenas e nenos ao longo da súa traxectoria.
Durante a súa historia, o club experimentou altos e baixos, tal e como explica a presidenta, Carmen Blanco González, que afirma que, na actualidade, o club atópase nun “moi bo momento, en realidade, nun momento mellor do que permite a infraestrutura que temos a nivel deportivo”. Nese sentido, explica que as infraestruturas dispoñibles en Ourense “non son suficientes”, un problema que se estende por toda Galicia. Para Blanco, isto débese, entre outros factores, á falta de tradición desta modalidade deportiva en Galicia, e pon como exemplo o caso da Comunidade Valenciana, onde o peso deste deporte é moito maior, o que permite que os clubs conten con instalacións axeitadas para desenvolver os seus adestramentos con normalidade.
No caso de Ourense, a presidenta do club explica que a situación complícase especialmente na rítmica. “Onde máis problema temos agora mesmo coas instalacións é na modalidade de ximnasia rítmica”, afirma, “hai moita carencia de instalacións axeitadas, non só en Ourense, senón en toda Galicia”. Así, asegura, “falta unha infraestrutura propia para a ximnasia en toda a comunidade”.
En concreto, no seu caso, sinala que o principal problema é a falta de altura das instalacións onde adestra o club, concretamente no Campo da Feira, cunha altura insuficiente para levar a cabo os adestramentos. Ademais, comenta, “temos que depender das horas que nos ceden no Pavillón, que son dous días á semana, máis os sábados que non hai competición”. Nese sentido, sinala, “cos seis conxuntos que temos competindo a nivel nacional fáisenos moi complicado poder adestrar só dous días, cando é unha especialidade que, a ese nivel de competición, require entre 15 e 17 horas semanais de adestramento, porque son actividades que requiren moita precisión”.
No caso do trampolín, aínda que sinala que “si que necesitariamos un pouco máis de altura, unha estación con foxo específica”, recoñece que “non nos podemos queixar desde que nos prestaron as instalacións do Campo da Feira”, onde hai instalados de forma permanente catro trampolíns. “Iso permitiunos medrar moitísimo na sección de trampolín e hoxe en día podemos dicir que temos unha das mellores instalacións que hai en Galicia”.
Aínda así, o club atópase nun excelente momento deportivo, tal e como afirma Blanco. “Somos un dos clubs punteiros en Galicia, e a nivel nacional e internacional estamos entre os clubs de alto nivel na modalidade de trampolín. Ademais, en rítmica temos unha participación moi alta, clasificámonos cos nosos conxuntos absolutos para todas as copas”. Con todo, fai fincapé en que “ningún club de Galicia logra estar no máis alto en rítmica pola falta de instalacións axeitadas”. “O club atópase nun bo momento a pesar da carencia de instalacións axeitadas”, sentencia.
Lembra, ademais, o gasto que este problema supón para a Federación Galega de Ximnasia, que, cando hai unha competición de trampolín, ten que trasladar todos os aparellos, e iso “sae carísimo”.
Crecemento e consolidación
Carmen Blanco preside o club desde os anos 90 e explica que, cando empezou, tiñan só 15 nenas e nenos. “Agora mesmo estamos a falar duns 400 alumnos e alumnas, sen contar coas escolas coas que traballamos, como é o caso de Barbadás, a parte de rítmica do Club Deportivo Xinzo de Limia, as escolas de Pereiro e Ribadavia ou a parte dos colexios de Ourense”.
Actualmente, contan con uns vinte equipos escolares, catro de promoción, catro de prebase, tres de base, tres de base nacional e tres de nivel absoluto, ademais dos individuais, do equipo de ximnasia masculina e do de ximnasia estética. Este último, recalca, fíxose coa medalla de ouro co equipo cadete mixto no último torneo nacional.
As perspectivas para este ano “son moi boas”, explica. A intención do club nesta próxima tempada, que xa está a piques de comezar, é “manter os bos resultados e seguir mellorando”. O vindeiro 15 de marzo, o club presentará os equipos que competirán nesta tempada.
A importancia das adestradoras
Facendo un repaso pola historia do club, Blanco explica que un dos seus obxectivos fundamentais para consolidarse foi conseguir unha boa canteira de adestradores e adestradoras. “Sempre tiñamos problemas para atopar adestradoras para todas as modalidades en xeral”. Un problema que se foi solucionando co paso dos anos. “Agora temos unha tremenda canteira de adestradoras, de feito, neste momento igual temos entre as escolas de fóra e as nosas propias uns 35 adestradores. Incluso fóra da provincia, adestradoras que marcharon estudar fóra desenvolven agora a súa labor noutros lugares como A Coruña, Lugo, Madrid ou Zamora”.
“So o ano pasado, unhas 11 ou 12 deportistas do noso club fixeron os cursos de adestradoras da Federación Galega e xa están facendo prácticas con nós no Club Miraflores, en Pereiro, en Ribadavia, en Barbadás e nas nosas propias escolas”.
“Temos unha pirámide moi boa e moi ben consolidada no club, e iso é grazas ao traballo das adestradoras e adestradores, que se deixan a pel no que fan”. Blanco agradece ademais o traballo das familias, xa que explica que este “non é un deporte doado nin barato” e que obriga a “moitos sacrificios”. Por exemplo, explica, “os pais teñen que compatibilizar as súas vacacións coas das nenas e nenos, que non son as mesmas na ximnasia que no curso escolar, xa que aquí só teñen un mes no verán. Ademais, está o tema das competicións, os desprazamentos, etc. Sen o compromiso e o sacrificio das familias isto non sería posible”, conclúe.
Traballo en equipo
A directora explica que, no Club Ximnasia pavillón, o importante son os equipos. “A nós o que nos interesa son os conxuntos, aínda que tamén temos deportistas individuais”. Nese sentido, destaca a importancia de ter medrado e consolidarse como club, xa que “agora, se nos falta alguén no conxunto ou alguén falla, temos suplentes en todas as modalidades”.
Pero a importancia do equipo non só está no aspecto deportivo. “Nós traballamos moito a resiliencia. As adestradoras ensínanlles ás nenas e aos pais que este deporte é unha mini vida. Aquí aprendes a erguerte de algo que saíu mal, dunha mala tempada… Aprendes que, aínda que te esforces ao máximo, pode que as cousas non saian. Nós ensinámoslles a valorar o proceso que os levou ata aí”.
Así, destaca que no club tamén “se aprende a esperar”. Para Blanco, “non hai nada mellor que aprender coas súas compañeiras, que tamén son amigas, e coas súas adestradoras, que son como parte da súa familia”.
En canto ao vínculo que se crea neste tipo de deportes, sinala que “as rapazas que teñen que deixalo porque marchan estudar ou traballar fóra, cando poden sempre veñen ver as competicións ou os adestramentos. Veñen, están coas nenas e sempre comentan o mesmo: todo o que lles ensinou este deporte”.