Catorce novos especialistas formados en Ourense inician a súa carreira profesional

OurenseXa
Cinco médicos en formación que comezaron a súa residencia en 2019 e nove enfermeiras especialistas que acaban a súa etapa formativa de dous anos
Catorce novos especialistas formados en Ourense inician a súa carreira profesional
28 May 2024

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras despediu hoxe a catorce novos especialistas, que acaban de rematar a súa formación nas diferentes especialidades facultativas e de enfermería, todos e todas superaron unha intensa etapa de aprendizaxe cinco e dous anos, que no caso dos cinco facultativos que agora rematan coincidiu co período pandémico, na que o seu esforzo foi fundamental.

O resto dos corenta residentes das distintas especialidades médicas, cirúrxicas e de medicina familiar que comezaron a súa residencia en setembro de 2020 debido ao inicio da pandemia COVID rematarán o seu período formativo no vindeiro mes de setembro onde recibirán a súa correspondente certificación de especialidade.

Polo tanto o acto de clausura contou con tan só cinco especialistas das áreas de Medicina Interna, Oncoloxía Médica, Cirurxía Xeral e Dixestiva e Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía que comezaron a seu período formativo no Hospital Universitario de Ourense meses antes do inicio da pandemia e que tiveron que afrontar nos seus primeiros anos de residencia o desafío máis esixente do noso sistema sanitario.

Enfermería tamén conta desde hoxe con nove especialistas máis: tres de atención familiar e comunitaria, outras tres de saúde mental, dúas de pediatría e unha obstétrico-xinecolóxica.

Dende 1977, data da Orde Ministerial que institucionalizou a nivel nacional a vía MIR, a Comisión de Docencia de Ourense, leva corenta e sete anos formando especialistas dun xeito continuado, aumentando progresivamente a súa acreditación para impartir formación en novas especialidades e centros.

A duración do período de formación dos residentes depende da especialidade elixida. Nas de enfermería son dous anos, farmacia e psicoloxía catro, ao igual que na maioría das disciplinas médicas, salvo en cirurxía xeral e do aparello dixestivo, traumatoloxía e cirurxía ortopédica, medicina interna, medicina intensiva e oncoloxía onde se estenden a cinco anos.

A apertura do acto de clausura do curso correu a cargo do xerente da Área Sanitaria, Santiago Camba, que deu paso a recollida de certificacións de especialidade e entrega de premios e bolsas de estudos.

Seguidamente participaron os representantes dos residentes, Ayla Reinoso, nova especialista en Cirurxía Xeral e Aparello Dixestivo, Belinda Insúa, nova enfermeira especialista en Saúde Mental, a xefa de estudos da Unidade Docente Multidisciplinar de Atención Familiar e Comunitaria, Sandra Pardo e o presidente da Comisión de Docencia, e Jesús García Mata, pechando o Xerente da Área Sanitaria.

Como xa ven sendo unha tradición, os novos especialistas recibiron un alfinete de prata deseñado polo escultor ourensán Manuel García “Buciños”, peza única denominada “Unha ponte cara á saúde” que lle foi encargada pola Área Sanitaria, para servir como lembranza do seu paso polas unidades docentes de Ourense.

0.15606880187988