Catro exposicións para visitar durante a Semana Santa en Ourense

O Centro Cultural Marcos Válcarcel acolle nas súas instalacións un total de catro exposicións que se poderán visitar durante a Semana Santa. Concretamente, as mostras ‘Zeit’, de Tareixa Taboada, e ‘Se ha descubierto agua en la luna’ , poderán verse ata o 4 de maio, mentres que ‘Virxilio Inédito’ e ‘Pinceladas dunha vida’, de Romar serán visibles ata o 11 de maio.
Virxilio Inédito
A exposición ‘Virxilio inédito (1925-2025)’ está conformada por obras nunca antes expostas. Trátase dun centenar de pezas, incluíndo dúas vitrinas con debuxos, apuntes e pequenos traballos en papel.
Entre a escolma, poden atoparse as súas clásicas referencias aos retratos de escenas musicais, as súas estancias en Alemaña e as paisaxes. Tamén hai un espazo dedicado ao seu traballo como cartelista, con proxectos como os carteis das festas de Ourense, das Xornadas de Folclore, do Magosto, do Entroido ou para a Dirección Xeral de Tráfico. A mostra complétase cun catálogo que leva textos de José María Pérez Alvarez (Chesi) e Xosé Manoel Rodríguez, que acomete una breve biografía de Virxilio.
Se ha descubierto agua en la luna
‘Se ha descubierto agua en la luna’ é a primeira mostra na que se combinan os traballos en óleo dun artista con pezas de origami. Esta novidosa oferta expositiva nace da colaboración da pintora ourensá Ehlaba xunto co experto en origami, Ramón Jiménez Pérez.
A exposición está formada por 22 pezas do que se podería denominar “oleorigami”, por combinar óleo coa arte de papel pregado, nunha colaboración harmónica de equilibrada confluencia, unha acción conxunta de dúas artes diferentes na que os artistas pretenden en cada obra xerar una sinerxia multiplicadora dos efectos que se producirían por separado.
“Ademais da auga atopada na lúa, os artistas aquí amosan outros descubrimentos que permanecían ocultos e que descobren para nós. Así, na lúa tamén aparece o Principiño ou celebran atopar auga cunha festa de fogos artificiais”, sinalan os organizadores. O espectador atopará grandes lagartos, un castelo encantado, un dragón, un raposo, un cocodrilo e mesmo unha serpe de dúas cabezas
Ehlaba Carballo de Dios é unha artista multidisciplinar cunha ampla traxectoria en exposicións individuais e colectivas a nivel nacional e internacional. A súa obra céntrase na natureza e no territorio.
Ramón Jiménez Pérez é escritor e xestor cultural (na Casa de Galicia en Madrid) é un dos maiores expertos españoles en papiroflexia e origami.
Zeit
A pintora, escultora, galerista e crítica Tareixa Taboada expón unha escolma dos seus últimos traballos artellados baixo o título xenérico de 'Zeit' (tempo, en alemán), onde combina pintura con escultura, instalacións e incluso un traballo audiovisual.
Para o escritor Fran Zabaleta, “Zeit non é solo unha exposición: é unha declaración de principios. É un desafío á pasividade, unha invitación a mirar a arte e a vida con ollos críticos, a cuestionar as narrativas impostas e a celebrar a autenticidade da nosa humanidade imperfecta. Nun mundo que constantemente busca que nos conformemos, Tareixa Taboada lémbranos que é na diferencia, na imperfección e na valentía de aceptarse a un mesmo onde reside a esencia do ser humano”.
O tamén pintor Manolo Figueiras considera que “a arte de Tareixa Taboada é voluntariamente simbólica, impactante e libre”, unha obra que non está pensada para compracer senón para reflexionar, para cuestionar e para exercer como elemento liberador.
Unha das principais novidades desta exposición é a presenza dunha serie de pequenas esculturas realizadas en bronce con certo aire primitivista que se completan con títulos marcadamente irónicos.
‘Pinceladas dunha vida’
O artista Juan Manuel Rodríguez Martínez (Ourense, 1956), ‘Romar’ amosa en ‘Pinceladas dunha vida’ unha serie de pinturas e esculturas nas que o autor fai un repaso aos seus referentes vitais, con especial protagonismo do seu pai.
“Meu pai ensinoume todo o que un ser humano necesita saber e da única maneira que se pode ensinar: co seu exemplo”, traslada Romar sobre as referencias da súa obra. Ademais dos referentes familiares, na exposición tamén hai referentes plásticos do artista como Giacometti ou Van Gogh e persoeiros da vida social ourensá coma o doutor Gallego.
Un peso especial na mostra está na crítica social que desprenden boa parte dos seus traballos, a decadencia dos grandes valores ou o materialismo económico imperante na actualidade.