CCOO e UGT convocan unha concentración en Ourense para reclamar a redución da xornada laboral

Ourense acollerá mañá, martes 10 de setembro, unha mobilización convocada por CCOO e UGT diante da Subdelegación do Goberno, ás 11.30 horas, para reclamar a redución da xornada laboral máxima legal. Ambas organización fan un chamamento ás organizacións empresariais e aos partidos políticos para apoiar esta medida, que segundo aseguran, favorecería a creación de emprego de calidade e un modelo produtivo máis sostible.
As organizacións sindicais subliñan que a última reforma neste ámbito produciuse hai máis de catro décadas, cando se estableceu o límite nas 40 horas semanais. Desde entón, a negociación colectiva permitiu unha baixada progresiva ata unha media de 38,5 horas, pero moitos sectores e empresas manteñen tempos de presenza superiores, o que, advirten, xera desigualdades e repercute negativamente no emprego.
Nun manifesto conxunto, CCOO e UGT defenden que a redución de xornada é unha cuestión de xustiza social e de adaptación aos incrementos de produtividade derivados das transformacións dixital e ecolóxica. Argumentan que repartir mellor a riqueza xerada debe traducirse en mellores salarios e tamén en menos tempo de traballo.
Os sindicatos destacan ademais o impacto positivo que esta medida tería na saúde física e mental das persoas traballadoras, reducindo o estrés, o absentismo e as baixas por enfermidade, así como na conciliación da vida persoal, familiar e laboral. Tamén apuntan beneficios ambientais, como a redución de desprazamentos diarios e de emisións contaminantes, e consideran que suporía un paso adiante en igualdade de xénero.