Celanova acollerá este martes a XIII Xornada de Convivencia ‘Curros Enríquez’ cunha ampla participación escolar

Celanova converterase este martes, 20 de maio, no punto de encontro de máis de 130 escolares de 4º, 5º e 6º de Primaria dos centros educativos que levan o nome de Manuel Curros Enríquez en Galicia. Trátase da XIII Xornada de Convivencia ‘Curros Enríquez’, unha iniciativa promovida pola Fundación Curros Enríquez coa colaboración do Concello de Celanova, que busca fortalecer os lazos entre estes centros e dar a coñecer o legado do poeta na súa vila natal.
Participarán nesta edición o CEIP Curros Enríquez da Coruña, o CEIP Curros Enríquez de Celanova (Ourense) e o CPI Curros Enríquez de Pazos de Borbén (Pontevedra). As actividades están programadas ao longo de toda a xornada, combinando visitas culturais, teatro, poesía e momentos de lecer.
A xornada comezará arredor das 10.00 horas coa chegada do alumnado de Ourense, que visitará o xacemento castrexo de Castromao. A partir das 11:00 iranse incorporando os demais grupos e, tras unha merenda conxunta na Praza Maior, visitarán a Casa dos Poetas e o Mosteiro de San Salvador.
Ás 13.00 terá lugar un acto institucional no refectorio do mosteiro, onde se ofrecerá unha representación teatral a cargo da compañía La Griotte, coñecida pola súa peza inspirada en O Divino Sainete e polo monicreque xigante que representa ao propio Curros Enríquez. Neste mesmo espazo, o alcalde de Celanova e presidente da Fundación Curros Enríquez dará a benvida oficial aos centros participantes.
A continuación, os participantes desprazaranse ao CEIP Curros Enríquez de Celanova para celebrar o seu 50 aniversario. Alí, o alumnado de 6º de Primaria ofrecerá un recitado de poemas do poeta, antes de compartir un xantar de confraternización na carballeira situada detrás do centro ou, en caso de choiva, nas instalacións do propio colexio.
Xa pola tarde, arredor das 15.30 horas, a expedición desprazarase ata Vilanova dos Infantes para coñecer a torre da homenaxe e a Cova de San Vivián, onde se atopa o centro etnográfico dos zapateiros. Alí despediranse os centros de Pazos de Borbén e Ourense, mentres que os alumnos e alumnas da Coruña realizarán unha última parada en Castromao antes de pechar a xornada.
A XIII Xornada de Convivencia ‘Curros Enríquez’ reafirma un ano máis o seu compromiso coa divulgación da figura e obra do poeta celanovés, promovendo ao tempo a conexión entre centros educativos de distintas zonas de Galicia que comparten a súa memoria e o seu nome.