Centos de persoas participaron no Día Grande da Romaría dos Milagres en Baños de Molgas

Centos de fieis acudiron este luns ao Santuario de Nosa Señora dos Milagres en Baños de Molgas, declarado monumento histórico-artístico nacional, para participar no Día Grande da Romaría, unha das celebracións máis multitudinarias e de maior devoción en Galicia.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu á misa solemne e á procesión, acompañado por veciños e veciñas da contorna. No seu discurso destacou a importancia destas citas para “reforzar a cultura e o patrimonio popular de Galicia”, subliñando “o gran valor que atesouran os rituais, costumes e tradicións que as acompañan, tal e como acontece na de Baños de Molgas”.
O titular de Cultura fixo referencia ao Rosario dos Fachos e á procesión de 30 quilómetros que se celebra na véspera coa participación da mocidade, como exemplo da transmisión xeracional das tradicións.
Así mesmo, incidiu en que estas romarías “ademais de manter vivo nas novas xeracións o valioso legado do noso patrimonio inmaterial, tamén fornecen o sentimento de comunidade e pertenza identitaria en lugares tan especiais como son tanto o cumio do monte Medo, como o propio santuario”.
Por último, López Campos reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia por conservar estas celebracións, que “serven para poñer no centro e dar protagonismo entre a poboación os bens tan senlleiros que as acollen, como o impresionante santuario, coñecido e recoñecido pola beleza da súa fachada”.