Cincuenta e sete novos residentes comezan a súa especialización en Ourense
OurenseXa
Esta promoción será a máis numerosa desde que se iniciou a formación postgrao en Ourense e contará cunha alta presenza feminina, como ven sendo habitual últimos anos, cun 70 % de mulleres
Ourense da a benvida a 57 novos residentes
7 Maio 2024
A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras deu hoxe a benvida aos cincuenta e sete novos residentes, once máis que o ano pasado, que se formarán como especialistas nos seus centros docentes, nas diferentes disciplinas médicas (MIR) de enfermería (EIR), farmacia (FIR), psicoloxía (PIR) e bioloxía (BIR)
Os novos e novas residentes foron recibidos polo Xerente da Área Sanitaria, Félix Rubial, e o equipo directivo, o presidente da Comisión de Docencia, Jesús García Mata, e a xefa de estudos da Unidade Docente Multiprofesional de Atención Familiar e Comunitaria, Sandra Pardo e polos titores e responsables directos de docencia dos novos residentes.
Esta promoción será a máis numerosa desde que se iniciou a formación postgrao en Ourense e contará cunha alta presenza feminina, como ven sendo habitual últimos anos, cun 70 % de mulleres, 40 de 57. Como en anos anteriores as especialidades con máis residentes son Medicina de Familia e Comunitaria con nove prazas adxudicadas para medicina familiar e sete prazas para enfermaría especialista en familiar e Comunitaria.
No eido hospitalario a Unidade Multiprofesional de Saúde Mental é a máis numerosa xa que incorpora doce novos residentes distribuídos en tres MIR de psiquiatría, outros tres de psicoloxía clínica e seis EIR de Saúde Mental. A Unidade Multiprofesional de Pediatría e Áreas Específicas é a segunda con máis incorporacións xa que suma tres novas MIR e dúas EIR. Por último a outra Unidade Multiprofesional de Obstetricia e Xinecoloxía acolle nesta ocasión para a súa formación a dúas MIR e unha EIR.
No que respecta ao resto de especialidades, a área médica incorpora dous residentes para Medicina Interna e un para as especialidades de Aparello Dixestivo, Nefroloxía e Neumoloxía. Na área cirúrxica haberá dous residentes en Cirurxía Xeral e Dixestiva, e un nas especialidades de Dermatoloxía, Oftalmoloxía, Uroloxía e Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía. Como dato curioso é a vez primeira, nos 47 anos de historia de formación postgrao en Ourense, que haberá unha residente na especialidade de dermatoloxía.
Por último no que respecta a área de servizos centrais se incorporan tres residentes para o servizo de Anestesia e Reanimación, dous para Radiodiagnóstico, e un para cada unda das especialidades de Análises Clínicas, Farmacia Hospitalaria, Hematoloxía, Medicina Intensiva, Medicina Preventiva e Saúde Pública e Medicina do Traballo.
Cómpre subliñar que a formación especializada de enfermería chega este ano a un fito ao sumar un total de dezasete novas residentes (EIR): sete en Enfermería Familiar e Comunitaria, seis en Saúde Mental, e dúas, respectivamente, en Obstetricia e Xinecoloxía e Pediatría.
A duración da etapa de aprendizaxe dos novos residentes depende da especialidade elixida. A maioría completarán no centro que elixan un mínimo de catro anos, cinco no caso das disciplinas cirúrxicas, Medicina Intensiva, Oncoloxía Médica, Psiquiatría e da Medicina Interna, e dous nas especialidades de enfermería.
Mais dun centenar de titores indispensables
O sistema sanitario público de Ourense ten unha dilatada experiencia na formación universitaria postgrao de ciencias da saúde, con 47 anos de docencia, vía MIR, nas distintas especialidades hospitalarias, ás que se incorporou, en 1991, Medicina Familiar e Comunitaria. Medrando progresivamente a oferta docente con máis especialidades médicas e de enfermería e que este ano abarca a un total de vinte especialidades.
Para guiar aos futuros especialistas ao longo de toda súa formación, e coordinar súa formación teórico-práctica, é imprescindible a figura dos titores das distintas especialidades, vinteseis. Son máis dun centenar de profesionais comprometidos coa formación que asumen xunto coa asistencia.
O grupo máis numeroso son os titores e titoras de medicina e enfermería familiar e comunitaria, 33 profesionais médicos e de enfermería repartidos nos dez servizos docentes de Atención Primaria da provincia acreditados polo Ministerio de Sanidade para a formación postgrao, o SAP Valle Inclán, CS A Ponte, SAP Novoa Santos-O Couto, CS A Cuña, SAP A Carballeira, CS Xinzo de Limia, SAP Carballiño, SAP Verín, SAP de Allariz e SAP Celanova.
No acto celebrado esta mañá, os residentes recibiron as súas acreditacións como especialistas en formación, así como un documento de acollida e unha guía rápida co itinerario básico, con información de primeira necesidade sobre pasos a seguir, e do Hospital Universitario de Ourense, nos que todos eles iniciarán a súa formación.