COGAMI anima a marcar o X solidario na declaración da renda
As entidades do Terceiro Sector de Acción Social Galego, representadas por EAPN- Galicia, CERMI- Galicia e Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG), reuníronse un ano máis con motivo do inicio da campaña do X Solidario, que este ano intentará que máis galegas e galegos se sumen a marcar o recadro 106 de “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social”.
Dende Ourense, no centro Integral Aixiña, representantes de COGAMI e das súas entidades membro Aixiña, Accu Ourense, Alcer Ourense, Affou, Cocemfe Ourense, Aodemper e Federación Discafis COGAMI fixeron unha X portando globos para lembrar ás persoas contribuíntes que marquen o recadro 106 na súa declaración e aposten por programas sociais a favor das persoas menos favorecidas.
Pola súa banda, a Praza da Quintana en Santiago de Compostela acolleu o acto de presentación da campaña onde entidades e persoas beneficiarias fixeron un novo chamamento para que o financiamento económico que chega a través do 0,7% do IRPF continúe crecendo e así posibilite que as ONG poidan seguir prestando servizos e desenvolvendo programas dos que resultan beneficiarias milleiros de persoas.
Un recadro que cada ano conta con máis adeptos
Durante 2023, a campaña recadou en Galicia 24.029.488 euros, grazas a que 775.395 persoas (o 54,5% do total de contribuíntes) marcaron o X Solidario na súa Declaración, o que supón unha recadación de 30’99 euros por persoa.
Un éxito porque foron 24.528 persoas máis que en 2022, o que permitiu recadar 2.638.195 euros máis. Aínda así, 647.628 contribuíntes seguen sen marcar o X Solidario (530.187 non marcaron ningún recadro e 117.441 só marcaron o da Igrexa). Se todos os galegos e galegas marcasen o X Solidario, a asignación final en Galicia sería de 39. 461 392 euros (15.431.905 euros máis).
A nivel estatal, a campaña da renda do ano pasado recadou 475.902.000 euros grazas a que 12.052.295 persoas marcaron o X Solidario súa Declaración, é dicir, un 53% do total de persoas declarantes. O que supón que o número de persoas contribuíntes solidarias creceu en case 2 millóns nos últimos 10 anos.
Todos estes fondos recibidos durante a campaña do ano pasado axudan a dar resposta a realidades concretas: apoio ás persoas con discapacidade intelectual e as súas familias, educación para a saúde, teleasistencia, centros de atención integral para as mulleres diagnosticadas de cancro de mama, residencias, atención a persoas xordas na súa contorna socio-familiar, atención a mulleres en dificultade social, centros de día, atención a persoas sen fogar, erradicación de violencia de xénero, atención á poboación rural desfavorecida e programas de voluntariado, transporte en vehículos adaptados, entre outros moitos.
Dende as entidades de acción social galegas queremos recordar que marcando o X Solidario, o recadro de Fins Sociais, nin se paga máis nin se recibe menos cartos no caso de devolución e, como contrapartida, contribuímos á realización de programas e proxectos para as persoas en risco de exclusión que máis o precisan.