COGAMI inicia un programa de emprego para persoas en situación de vulnerabilidade en Ourense e Lugo

LugoXa | OurenseXa
O programa 'Máis Emprego' está enfocado ao fomento da inclusión activa a través do trazado de itinerarios integrados de inserción sociolaboral
Membros de COGAMI
24 Jun 2024

COGAMI inicia un programa de emprego nas oficinas que ten en Ourense e Lugo, así como nas de Ferrol, Pontevedra e Vigo, dirixido á inserción sociolaboral de persoas que están, ou poden estar, en risco de exclusión social, como é o caso das persoas con discapacidade.

O programa, denominado 'Máis Emprego' e financiado por Fundación ”la Caixa” e o Fondo Social Europeo Plus no marco de Inclusión Social, Garantía Infantil e Loita Contra a Pobreza 2021-2027, está enfocado ao fomento da inclusión activa a través do trazado de itinerarios integrados de inserción sociolaboral. Dirixido a colectivos desfavorecidos, como é o caso das persoas con discapacidade, busca promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación, a participación activa e a mellora da empregabilidade.

Un grupo de 10 técnicas e técnicos en orientación laboral, 2 por cada unha das oficinas, encargaranse de seleccionar, orientar e capacitar á persoa a través de accións como a diagnose sociolaboral, deseño e desenvolvemento de itinerarios personalizados, a busca de formación dirixida á empregabilidade, ademais de labores de orientación, intermediación e prospección laboral e apoio á persoa cando logra a inserción.

Durante os cinco anos de duración, con finalización o 30 de setembro de 2029, salvo na oficina de Ferrol que ten data de remate o 31 decembro de 2027, por este programa terán que pasar 1.740 persoas con discapacidade ou incapacidade permanente total para a profesión habitual, 60 persoas por ano nas oficinas de Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra e 70 persoas ao ano na oficina de Vigo. Cando remate, o programa ten recollido como meta a acadar que o 40% de participantes debe conseguir a incorporación laboral.

Para conseguir estas insercións, 'Máis Emprego' contempla actuacións dirixidas á persoa como o trazado de itinerarios individualizados axustados ás súas características, expectativas e tamén ás demandas do mercado laboral, buscando a implicación da empresa no proceso. Capacitarase á persoa ofrecéndolle formación especializada orientada á busca de emprego, talleres de alfabetización dixital e prospección empresarial, sesións de coaching individual, ademais de prácticas non laborais na empresa para facilitar o acceso ao emprego.

O tecido empresarial é outro dos axentes relevantes dentro do programa. Neste sentido, desenvolveranse actuacións de estudo do mercado laboral local para detectar novos xacementos de emprego, realizarase intermediación entre o tecido social e empresarial para cubrir as ofertas laborais e sensibilizarase ao empresariado para rachar coas barreiras existentes para a contratación de persoas con discapacidade.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.082085132598877