COGAMI Ourense maniféstase para denunciar a falta de transporte adaptado
Membros de COGAMI Ourense saíron este martes ás ras nulha concentración para visibilizar a falta de transporte adaptado. Baixo o lema “Teletransporte contra a discriminación”, esta campaña se estende a nivel autonómico e estatal, cunha reivindicación moi clara: “Ata que o teletransporte sexa viable, que polo menos os transportes habituais cumpran as leis de accesibilidade”.
Durante as concentracións, os representantes de Cogami expresaron de forma clara e directa as súas demandas a través da lectura dun manifesto:
"Hoxe queremos visibilizar e denunciar a falta de accesibilidade no transporte, as barreiras que nos impiden ás persoas con discapacidade física e orgánica poder coller un autobús para realizar actividades tan cotiás como ir ao supermercado, ao médico, traballar, estudar ou para ir de paseo.
Dende COGAMI e as nosas entidades membro reivindicamos o noso Dereito á Mobilidade. As persoas con discapacidade non debemos ser excluídas nin privadas dos nosos dereitos á autonomía, á saúde, á educación nin tampouco ao emprego por falta de accesibilidade no transporte.
Contamos con leis que nos apoian, como o Real Decreto 1544/2007 que regula as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e utilización do transporte para persoas con discapacidade. A implementación desta norma é insuficiente porque o transporte público aínda non acadou a accesibilidade plena, perpetuando a discriminación estrutural.
Como a día de hoxe non podemos teletransportarnos, ata que o teletransporte sexa viable como na serie Star Trek, queremos que os nosos transportes urbanos e interurbanos cumpran coas leis de accesibilidade e deixen de ser discriminatorios.
A través desta campaña, exiximos que se nos garanta a accesibilidade universal en infraestruturas e vehículos. Aquí queremos incluír a dispoñibilidade de puntos de recarga e subministro eléctrico para dispositivos médicos esenciais como os equipos de oxíxeno líquido, fundamentais para persoas con discapacidade orgánica que requiren apoio respiratorio.
Tamén é importante que o persoal dos medios de transporte estea formado, que coñeza como poder asistir ás persoas con discapacidade, asegurando que teñan un trato digno e adaptado ás súas necesidades.
Como coñecedoras e coñecedores da nosa realidade galega, vivimos maiormente en municipios rurais e son estas zonas as que deberían de asegurar a accesibilidade do transporte. A falta de infraestruturas axeitadas aumentan máis o número de barreiras.
Dito isto, dende COGAMI e as nosas entidades membro pedimos que se nos garanta a accesibilidade universal nas infraestruturas e vehículos. Queremos que todas as estacións, terminais e vehículos de transporte cumpran coas normas de accesibilidade: dende ramplas, ata ascensores, plataformas elevadoras, aseos, espazos suficientes para varias persoas usuarias de cadeiras de rodas e que conten con puntos de recarga e subministro eléctrico para as persoas que requiren apoio respiratorio. A accesibilidade debe estar presente dende a compra do billete ata o uso dos servizos básicos."