Coles, Amoeiro, Vilamarín e A Peroxa quedan sen servizo de pediatría durante o verán
O PSdeG-PSOE de Ourense reclama un servizo de pediatría “digno” e que dea un servizo “eficiente” no centro de saúde de Coles aos cativos e cativas do municipio e dos concellos de Amoeiro, A Peroxa e Vilamarín. As e os socialistas denuncian a “precarización” dun servizo “esencial” para estes catro municipios e que agora en verán non se presta, obrigando aos pais e nais a desprazarse ata Ribadavia ou ata o centro de saúde da Ponte para que as súas crianzas poidan recibir atención médica.
O PSdeG-PSOE de Ourense reuniuse esta mañá en Coles para coñecer de primeira man a situación do centro de saúde e do PAC, e máis concretamente do servizo de pediatría, que deixou de prestarse dende o mes de xuño, o que obriga aos pais e nais con crianzas a desprazarse a outros centros de saúde ou as urxencias hospitalarias. No encontro participaron o alcalde de Coles, Manuel Rodríguez; o alcalde de Amoeiro, José Luís Rodríguez; a deputada no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta; o secretario provincial e senador, Rafa Villarino; as deputadas provinciais Elvira Lama e Susana Rodríguez, e concelleiras e concelleiros dos municipios afectados pola supresión do servizo de pediatría no verán.
Dende o PSOE ourensán sinalan que Ourense “atópase á cola na atención sanitaria do pais e con numerosos concellos sen servizo de pediatría”. Ante esta situación, as e os socialistas da provincia reclaman un plan de choque “urxente”, dotado cos recursos “suficientes” para corrixir esta xestión “deficitaria” e a demora na atención sanitaria que padecen os e as ourensás, ademais de recuperar servizos “esenciais” como a pediatría.
A deputada no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, explica que o servizo de pediatría no centro de saúde de Coles atópase nunha situación de “precarización total ao longo de todo o ano”, pero e tal e como relata, “coa chegada do verán agudizouse a problemática, quedando o centro de saúde sen pediatra e obrigando aos pais e nais a desprazarse a Ribadavia, as urxencias os hospitalarias e ultimamente ao centro de saúde da Ponte para que os seus nenos e nenas poidan ser atendidos”.
“Ao goberno de Rueda éncheselle a boca animando a xente a asentarse no rural, pero eles non aposta polo rural, xa que lles quitan os servizos públicos esenciais”, destaca a parlamentaria autonómica dos e das socialistas ourensás. Rodríguez Dacosta anuncia a presentación de iniciativas no Parlamento de Galicia, co obxectivo de que o goberno galego “atenda a demanda da veciñanza, que se atopa nunha situación moi precaria pola falta de servizos pediátricos para atender as crianzas de Coles, Amoeiro, Vilamarín e A Peroxa”. Neste senso tamén apunta á necesidaden de impulsar “un servizo de calidade pediátrica que é o que precisa o rural en Galicia, e Ourense en particular”.
Pola súa banda o alcalde de Coles, Manuel Rodríguez, subliña que “se apostamos polo rural, os nenos e nenas son a base desa aposta” e apunta que “se os concellos facemos un esforzo para subvencionar os nacementos e estabilizar a poboación, non pode ser que a Xunta recorte os servizos esenciais como a pediatría, porque así é imposible que a xente se asente no rural”.
O rexedor sinala que “fixemos xestións para que polo menos se habilitase a atención no centro de saúde da Ponte”, pero tal e como explica “o problema xa non é ese, senón que os pais e nais están obrigados a desprazarse fora da súa contorna para que as crianzas poidan recibir atención médica, o que incrementa os custes de gastos familiares”. Manuel Rodríguez pídelle a Xunta que “estabilice o servizo de pediatría ao longo do ano, aumentando os días de servizo para que os concellos da mancomunidade teñan unha sanidade de primeiro nivel”.