Comeza a campaña de vacinación contra a gripe en 183 puntos da provincia de Ourense
Comeza a campaña de vacinación dos máis pequenos que inclúe este ano, como novidade, a vacina intranasal para os cativos entre 2 e 5 anos, que se levará a cabo en 183 puntos da provincia de Ourense e o número de doses que está previsto utilizar para poder acadar os obxectivos fixados serían de aproximadamente 115.000 doses de vacina.
A campaña ten por obxectivo diminuír a morbimortalidade das infeccións causadas polo virus da gripe da poboación infantil entre os 6 aos 59 meses.
A poboación será citada para que acuda ao seu centro de saúde mediante mensaxe de SMS ao teléfono que figure na súa historia clínica e, de non acudir a cita, recibirá unha chamada de recaptación pola súa enfermeira de referencia.
Entre as innovacións mais relevantes durante esta campaña está a inmunización dos cativos. Por unha parte introdúcese a vacina intranasal para aqueles de 2 e 5 anos e, por outra parte as persoas que traballan nos centros educativos con alumnado de 0 a 5 anos inclúense como poboación diana desta campaña dentro do persoal de servizos esenciais (inicio vacinación 11 de novembro).
A vacina intranasal presenta como principais vantaxes fronte á de administración intramuscular que activa tamén o sistema inmunitarios local, neutralizando ao virus xa na súa porta de entrada (mucosa nasal) e diminúe a incidencia de infeccións bacterianas polo estreptococo A. Ademais, facilita a súa administración evitando o pinchazo, polo que mellora a acollida desta medida preventiva tanto de nenas e nenos como das familias.